DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Deputación celebrou este xoves o acto de entrega destes galardóns aos mellores TFG e TFM

Os Premios Sofía Novoa poñen en valor a mirada transformadora da perspectiva de xénero nos traballos académicos

Distinguiron ás egresadas Judit Cerviño, María Tenorio, Patricia Torres e Andrea López

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 03/02/2021

Promovidos pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Universidade de Vigo, os Premios Sofía Novoa teñen como obxectivo pór en valor a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e de fin de máster do alumnado dos campus de Pontevedra e Vigo. Na súa quinta edición, estes galardóns recoñeceron os estudos levados a cabo o pasado curso polas egresadas Judit Cerviño, María Tenorio, Patricia Torres e Andrea López, que este xoves participaron por videoconferencia no acto de entrega destes galardóns, celebrado na sede da Deputación en Vigo. “Estes premios naceron para que na Universidade, que é o centro da sabedoría, a perspectiva de xénero ocupe un lugar relevante”, salientou a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, que estivo acompañada pola profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e membro do xurado Silvia Pérez Freire.

“A realidade hai que interpretala e hai que saber interpretala adecuadamente”, salientou esta docente, que defendeu a necesidade de “asumir unha mirada” que permita recoñecer “todos aqueles estereotipos e roles que naturalizamos na nosa vida” e, en consecuencia, “pór as mulleres no lugar que merecemos, que é o da igualdade”. Esa mirada, sinalou, pasa pola perspectiva de xénero, que "é unha maneira de facer ciencia”. “O coñecemento é o único que fai avanzar o mundo”, engadiu Silva, que puxo en valor que a maioría dos traballos premiados nesta quinta edición estivesen centrados na educación, “na que as mulleres temos que estar presentes”.

Levar a igualdade ás aulas e aos medios

O acto, retransmitido a través da rede, abriuse coa música da pianista Estefanía Cereijo e cunha lembranza á pedagoga que dá nome aos galardóns e completouse coas intervencións das premiadas. “É unha honra recibir este premio”, sinalaron tanto a egresada da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Judit Cerviño como a ex-alumna de Ciencias Sociais e da Comunicación María Tenorio, gañadoras dos dous premios aos mellores TFG. Coa profesora Azucena Arias como titora, Cerviño centrou o seu traballo nos estereotipos que transmite a publicidade e “que son vistos como modelos de comportamentos normais e correctos” por nenos e nenas, o que levouna a deseñar unha serie de “propostas de tarefas con enfoque de xénero” para as aulas de educación infantil. “Considero que a perspectiva de xénero debe cobrar máis importancia neste ámbito e que valores como a igualdade deben ensinárselle a nenos e nenas desde que son pequenos”, salientou. 

Tenorio centrou o seu TFG, no que tivo como titor ao profesor Alberto Pena, na análise da “irrupción do movemento MeToo dunha forma comparativa entre dous países que coñezo” España e Brasil, onde reside actualmente. Fíxoo a través do estudo das informacións sobre este movemento publicadas polos xornais El PaísA Folha de Sao Paulo. “O MeToo serviu sobre todo como altofalante mediático e tamén para concienciar á sociedade da necesidade que seguimos tendo dunha igualdade real”, salientou Tenorio 

Tamén na modalidade de TFG, o xurado recoñeceu cun accésit o traballo realizado pola egresada de Ciencias da Educación e do Deporte Patricia Torres con María Álvarez Lires como titora. “Penso que a perspectiva de xénero debería estar incluída en todos os traballos”, defendeu esta egresada, que centrou o seu traballo no ensino das ciencias en primaria, a través da preparación de saídas didácticas como a que levou a cabo durante as súas prácticas nun centro de ensino de Bueu, centrada na importancia das mulleres na industria conserveira.

Por último, Andrea López explicou que, despois de ser premiada na terceira edición dos Sofía Novoa por un TFM que buscaba analizar, no eido da formación profesional, “por que tiñamos estudos masculinizados e feminizados”, quixo continuar investigando neste ámbito, poñendo o foco na figura dos orientadores dos centros educativos. O traballo que realizou, baixo a dirección de Fátima Braña, no mestrado en Menores en Situación de Desprotección e Conflito Social, levouna a constatar a “importante loita” do profesorado e o persoal de orientación “para que se formen estudantes con perspectivas de igualdade e liberdade”; unha loita que, engadiu, “precisa moitos máis recursos”.