DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Deputación fixo entrega destes galardóns nun acto na Misión Biolóxica de Galicia

Os Premios Sofía Novoa recoñecen a incorporación da perspectiva de xénero nos traballos académicos

Na súa terceira edición, distinguiron os proxectos de seis egresadas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 13/06/2019

Paula González, Laura Cao, Alba Vicente, Doris Fernandes, Andrea López e Belén Calero son as seis ex-alumnas da Universidade de Vigo ás que a Deputación de Pontevedra distinguiu cos III Premios Sofía Novoa, uns galardóns dirixidos a recoñecer a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e fin de máster defendidos na institución académica. O Pazo de Gandarón, sede da Misión Biolóxica de Galicia, acolleu na tarde deste mércores o acto de entrega destas distincións, que poñen en valor unha serie de investigacións centradas nas desigualdades que implica a existencia de estereotipos e roles tradicionais, na linguaxe sexista nas traducións, na representación da muller nos dicionarios, no deseño de materiais para a incorporación da perspectiva de xénero nas aulas, na existencia de profesións e estudos feminizados e masculinizados e nas desigualdades entre homes e mulleres no ámbito científico-tecnolóxico.

A escritora Ledicia Costas foi a encargada de presentar un acto presidido pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, que contou coa participación do vicerreitor do campus, Jorge Soto, e no que as seis premiadas relataron as súas motivacións para introducir a perspectiva de xénero nos seus traballos. “As premiadas son mulleres do presente que construirán futuro, que mostran que o legado de Sofía Novoa segue vivo”, salientou a presidenta da Deputación nun acto que buscaba dar visibilidade á pedagoga que lle dá nome a estes galardóns e no que Silva enxalzou o labor da Universidade, “a casa do coñecemento que permite que abramos os ollos desde a investigación sobre o que pasa para que poidamos cambialo”.

Seis investigacións que poñen o foco nas desigualdades

Na categoría de traballos de fin de grao, o primeiro premio foi para a egresada en Comunicación Audiovisual Paula González, que na súa peza audiovisual V puña de manifesto as desigualdades entre homes e mulleres, amosando “un mundo ao revés, no que se inverten os roles”. Nesta categoría, o segundo premio foi para a titulada en Tradución e Interpretación Laura Cao, quen no seu traballo O rol da muller e a linguaxe sexista na tradución cara o galego e ao español de The house on Mango Street, constataba como diferentes traducións desta novela escrita orixinariamente en inglés non empregaban unha linguaxe inclusiva. “Considero que a muller segue sen integrarse en todos os ámbitos da vida e a linguaxe é un deses ámbitos no que hai que introducila”, salientaba esta egresada que vía neste premio “un recoñecemento ao esforzo”. Graduada tamén en Tradución e Interpretación, Alba Vicente recibiu o terceiro premio polo seu traballo de fin de grao Análisis de la representación de la mujer en la vigésimotercera edición del diccionario de la lengua española (RAE y ASALE) y sus actualizaciones. “Emocióname especialmente recibir un premio que valora a investigación en temas relacionados coa perspectiva de xénero e busca fomentar a igualdade”, salientaba esta titulada.

No relativo aos traballos de fin de máster, o xurado outorgou o primeiro premio á investigadora da Universidade Doris Fernandes por Introdución da perspectiva de xénero na aula de inglés como lingua estranxeira: proposta de adaptación dunha unidade didáctica real para 1º de Bacharelato, traballo no que incidía na importancia de introducir a perspectiva de xénero nas aulas de maneira transversal. “A verdade é que é unha honra”, salientou do recoñecemento que obtivo polo traballo que realizou no máster en Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas, o mestrado que cursou tamén a gañadora do segundo premio nesta modalidade, Andrea López. “É unha recompensa a todos os esforzos que fixeches e un empurrón para seguir formándote”, salienta esta titulada do recoñecemento ao seu traballo Trazos de xénero na elección de estudos na familia profesional da administración e xestión, no que analiza a persistencia de estereotipos que, no eido da formación profesional, condicionan a homes e mulleres á hora de decantarse por determinados estudos. Por último, Belén Calero Blanco resultou merecedora do terceiro premio nesta modalidade polo seu traballo Ciencia y género: una propuesta didáctica para trabajar en el aula, no que se poñen de manifesto as desigualdades entre mulleres e homes no ámbito científico-tecnolóxico.