DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nuria Ferreiro, Carla Souto, Marta Caldas, Tania Souto e Andrea Pérez obtiveron este galardón

Os Premios Sofía Novoa recoñecen a integración da perspectiva de xénero nos traballos de cinco egresadas

Promovidos pola Deputación de Pontevedra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 21/12/2021

Pór en valor a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e mestrado realizados polo alumnado da Universidade de Vigo é o obxectivo dos Premios Sofía Novoa, impulsados pola Deputación de Pontevedra, que este martes fixo público o fallo da súa sexta edición. Na categoría de traballos de fin de grao (TFG), o xurado decidiu distinguir o proxecto de investigación e creación vinculado á cultura popular da graduada en Belas Artes Nuria Ferreiro, así como o deseño de proxectos didácticos para facer visibles nas aulas as contribucións femininas en diferentes áreas da egresada da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Carla Souto. No apartado dedicado aos traballos de fin de máster (TFM), premiáronse o estudo sobre a representación política na muller nos concellos pouco poboados, que Marta Caldas realizou no mestrado en Dirección Pública e Liderado Institucional, e a unidade didáctica dirixida a dar visibilidade ás escritoras da Xeración do 27, que Tania Souto realizou como traballo final para o máster en Profesorado. Nesta segunda categoría, así mesmo, outorgouse un accésit á egresada de Ciencias da Educación e do Deporte Andrea Pérez, polo seu deseño dunha intervención dirixida a reflexionar cos nenos e nenas sobre os estereotipos de xénero que transmite a publicidade. 

Dirixidos a premiar os traballos do alumnado dos campus de Vigo e Pontevedra e cunha dotación económica de 1000 euros e de 600 no caso do accésit, estes premios entregaranse nun acto programado para o mes de xaneiro, segundo informou a Deputación nesta xornada.

Das menciñeiras ás contribucións femininas nas diferentes áreas

Un dos TFG premiados nesta edición é Convite ao avecer, da egresada da Facultade de Belas Artes Nuria Ferreiro, un traballo que combinou a investigación e a creación artística e que se vertebra “a través da vinculación ao territorio, do agarimo á cultura popular e dos vencellos persoais”, como informou a Deputación. Coa profesora Almudena Fernández Fariña como titora, Ferreiro Amoedo establece neste proxecto “unha relación directa entre a etnografía, a antropoloxía, a arte contemporánea e a etnomedicina”, na que aborda conceptos como o da menciñeira ou o de albeite, desde unha perspectiva sociolóxica, feminista ou literaria. 

Nesta categoría tamén foi premiado A perspectiva de xénero nas aulas de educación primaria cun enfoque baseado en proxectos, no que Carla Souto tivo como titora á profesora Azucena Arias. Tomando como punto de partida que “a escola é un axente de socialización e pode reproducir estereotipos de xénero, máis tamén é un espazo adecuado para fomentar a igualdade”, esta graduada en Educación Primaria centrou o seu TFG no deseño de proxectos dirixidos a “facer visibles as contribucións femininas” nas diferentes áreas do saber e a promover nas aulas unha reflexión sobre e “as interpretacións deformadas de sucesos de pasado”, á vez que unha participación igualitaria do alumnado e a “asunción de roles non estereotipados”. 

Da paridade na política ao esquecemento das escritoras

No apartado de TFM, un dos traballos seleccionados foi A paridade na representación política da muller nos concellos clasificados como zonas pouco poboadas da provincia de Pontevedra, que Marta Caldas realizou con Mónica López Viso como titora. Centrado nos municipios clasificados como zonas pouco poboadas, este traballo comprendeu unha análise da estrutura das corporacións locais, da composición das áreas delegadas da alcaldía e de variables socioeconómicas e estruturais, permitindo a Caldas Fariñas constatar que a presenza das mulleres nas corporacións é inferior á dos homes en 28 dos 31 concellos con esta clasificación, así como que estes son paritarios nun 85% dos caso cando son gobernados por mulleres e nun 44% cando o alcalde é un home. 

O outro TFM premiado foi As Sensombreiro: voces silenciadas da Xeración do 27, que Tania Souto realizou coa profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución Montserrat Ribao como titora. Tomando como punto de partida como “a historia da literatura dedicouse a esquecer o papel de centos de mulleres” que, en diferentes xeracións, achegaron “unha infinidade de obras de gran prestixio”, Souto Rodal desenvolveu unha unidade didáctica dirixida a “rescatar a herdanza literaria” das escritoras da Xeración do 27, as denominadas como “as sensombreiro”, na que propón tarefas dirixidas a traballar aspectos como a situación da muller nas primeiras décadas do século XX e desenvolver competencias educativas de diferente natureza. "Aínda que é un traballo pensado para achegar a literatura aos rapaces, o máis importante é dar conta do papel desas mulleres", sinala Souto, que pón de relevo a necesidade de "recuperar a voz de todos eses colectivos que dende sempre foron repudiados".

Por último, tamén foi recoñecido cun accésit o TFM de Andrea Pérez, no Máster Interuniversitario en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria. Titulado Traballar a publicidade nas aulas con perspectiva de xénero e titorizado por Azucena Arias, comprendeu o deseño dunha intervención dirixida a reflexionar co alumnado de primaria sobre os estereotipos de xénero que reproduce a publicidade; intervención que Pérez Cambeiro levou á práctica no CEIP Plurilingüe Enrique Barreiro Piñeiro de Cambados, constantando como “o alumnado é capaz de analizar criticamente a publicidade, interpretando os estereotipos amosados e propoñendo alternativas” Nese senso, sinala que "en todas as actividades realizadas sempre partimos das ideas previas do alumnado e a partir de aí construímos aprendizaxe", á vez que pon de relevo a "participación e interese" mostrado polos escolares cunha iniciativa que baseada no traballo cooperativo e na metodoloxía por proxectos.