DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os galardóns da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo entregáronse este martes

Os Premios TFG José Manuel Pérez Canal distinguen traballos sobre a Sociedade Textil Lonia, o turismo de montaña e a metodoloxía S-LCA

A iniciativa é froito da colaboración co Colexio de Economistas de Ourense

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 09/12/2025

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense entregou este martes os seus Premios TFG José Manuel Pérez Canal 2025, destinados a recoñecer os mellores traballos fin de grao de alumnado das titulacións de Turismo e de Administración e Dirección de Empresas. Os tres estudos galardoados céntranse na análise económico-financeira da empresa ourensá Sociedade Textil Lonia; no aloxamento no rural da montaña galega e na metodoloxía S-LCA e análise da industria plant-based

O acto contou coa participación de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense; Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; Olga Santos, vicepresidenta da Confederación Empresarial de Ourense; María del Carmen Sampayo, decana-presidenta do Colexio de Economistas de Ourense; e Isabel Pérez, conselleira e directora de Asuntos Corporativos de Pérez Rumbao. Á entrega asistiron tamén membros da comunidade universitaria e familiares do falecido José Manuel Pérez Canal. Nas súas intervencións, as autoridades lembraron a figura e o legado de José Manuel Pérez Canal e puxeron en valor o talento e o esforzo do alumnado premiado, neste caso tres mulleres. Igualmente subliñaron a importancia de que profesionais, universidade e sector empresarial colaboren tanto para acadar unha óptima formación do estudantado como para contribuír a un maior e mellor desenvolvemento da sociedade. Os Premios TFG José Manuel Pérez Canal realízanse ao abeiro do convenio de colaboración existente entre a facultade ourensá e o Colexio de Economistas de Ourense, contado tamén co apoio da Deputación de Ourense.  

Dous primeiros premios

O primeiro premio José Manuel Pérez Canal 2025 na modalidade de Grao en Administración e Dirección de Empresas foi para o traballo titulado Análise económico-financeira da empresa ourensá Sociedade Textil Lonia, SA, realizado pola alumna Carmen Canal baixo a dirección da profesora Elena Gallego. Esta análise abarcou os exercicios fiscais da citada empresa comprendidos entre os anos 2016 e 2022, avaliando tamén o impacto da pandemia de covid-19, e empregando os datos das contas anuais e diferentes técnicas de análise. No estudo outorgouse particular atención ao exame da solvencia e rendibilidade da empresa, tanto a curto como a longo prazo.

Froito da abordaxe realizada, a autora do TFG sinala que “podemos afirmar que a empresa atópase nunha posición estable, caracterizada por unha boa solvencia e unha rendibilidade en crecemento”. As principais accións de mellora, engade Carmen Canal, deberían orientarse cara a redución dos saldos ociosos, promovendo inversións que lle permitan obter retornos. Ademais, sinala, tendo en conta a Axenda 2030, a empresa podería “optar por realizar investimentos aliñados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), promovendo unha moda máis sostible”.

O primeiro premio José Manuel Pérez Canal 2025 na modalidade de Grao en Turismo foi para o traballo Aloxamento no rural da montaña de Galicia, realizado pola alumna Pilar Aurora Araujo baixo a dirección do profesor José Antonio Fraiz. “Este traballo propón un modelo de turismo rexenerativo para a Galicia rural de montaña, centrándose no benestar, a sostibilidade e a posta en valor do patrimonio natural e cultural”, comenta a súa autora. A iniciativa, detalla, “baséase na creación de hoteis de tamaño medio con temática de benestar situados en zonas rurais preto de parques naturais, co obxectivo de impulsar a economía local e fomentar a colaboración entre a comunidade, as institucións e o sector privado”. 

O proxecto toma como referencia o potencial termal de Ourense e propón produtos distintivos, “elementos que reforzan a identidade territorial e ofrecen experiencias únicas”. Mediante a aplicación da metodoloxía Sapiens, comenta Pilar Aurora Araujo, no seu TFG realízase unha análise holística e sistémica que permite o establecemento dunha estratexia turística integral, competitiva e aliñada cos principios do turismo responsable e sostible. “O modelo é escalable, rendible e replicable noutras localizacións da Galicia interior e posiciona a Ourense como unha capital termal líder en Europa”, apunta. O estudo, engade por último a súa responsable, “levou ao desenvolvemento dunha proposta innovadora de produto turístico para o interior de montaña de Galicia, aliñada cos principios de sostibilidade e competitividade”. 

Un accésit

Por último, os galardóns deste 2025 incluíron un accésit na modalidade de Administración e Dirección de Empresas ao traballo A metodoloxía S-LCA. Análise da industria plant-based, feito polo alumna Paula Viceiro baixo a dirección das profesoras Ana Isabel Gueimonde e Nuria Rodríguez. “Este traballo aborda a Social Life Cycle Assessment (S-LCA), que é unha metodoloxía que permite identificar, medir e avaliar os impactos sociais ao longo de todo o ciclo de vida. Esta ferramenta representa unha achega fundamental para poder integrar a análise da dimensión social da sostibilidade nas organizacións empresariais”, sinala a súa autora. 

Tomando como base o marco teórico redactado, neste TFG aplícase esta metodoloxía ao caso real dunha empresa galega da industria plant–based, co obxectivo, centrando a análise na subcategoría das e dos traballadores, de valorar os impactos sociais asociados ao ciclo de vida dos seus produtos. “Os resultados obtidos mostran que tanto as dificultades das pemes para dar cumprimento aos estándares de sostibilidade como a importancia de manter un clima de traballo flexible, con comunicación, con entendemento entre as partes e libre de discriminacións e acoso”, recolle o estudo.

E unha conferencia 

Como antesala a esta entrega de galardóns, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo acolleu a conferencia De xeración en xeración: como goberna o seu futuro Pérez Rumbao. Foi ofrecida por Isabel Pérez Martínez, conselleira e directora de Asuntos Corporativos do grupo empresarial de automoción Pérez Rumbao. A iniciativa estivo organizada pola Cátedra de Empresa Familiar da UVigo, dirixida pola profesora Elena Rivo, e contou co apoio da Asociación Galega de Empresa Familiar. No acto, o alumnado puido coñecer este grupo empresarial, que, con máis de 50 compañías, 35 marcas, 1900 profesionais, 60 talleres en Galicia, Asturias, Castela e León e Portugal, e máis dun século de historia, traballa no ámbito dos vehículos e outros servizos de mobilidade. Na súa intervención, a convidada destacou como Pérez Rumbao aspira a converterse na empresa referente no eido da mobilidade sostible.