DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Galardoando á Fundación Mujeres por África e á asociación Bicos de Papel 

Os Premios UVigo Humana recoñecen o apoio á emancipación das mulleres africanas e ás familias e menores oncolóxicos

O Consello Social tamén premia os mellores TFG, TFM e teses en materia de Axenda 2030

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 29/04/2026

A Fundación Mujeres por África no ámbito internacional e a asociación Bicos de Papel no galego, recibiron este mércores nun acto celebrado no edificio Redeiras os Premios Consello Social UVigo Humana, cos que se recoñecen, como destacou Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da UVigo, “os valores, a xenerosidade, o sacrificio, o coraxe e o altruísmo”. 

Na súa sexta edición, o xurado acordou conceder o galardón de ámbito internacional á Fundación Mujeres por África polo seu labor continuado de promoción do liderado feminino, a igualdade de xénero e o desenvolvemento sostible en África, reforzando a emancipación económica e social das mulleres a través de programas educativos e de formación. Pola súa banda, o premio de ámbito galego recaeu na asociación Bicos de Papel polo seu apoio integral a familias e menores diagnosticados con enfermidades oncolóxicas, ofrecendo recursos sociais, psicolóxicos, educativos e acompañamento emocional. A entrega de galardóns celebrada este mediodía completouse coa dos premios ás mellores teses e traballos de fin de grao e mestrado do alumnado da UVigo en materia de Axenda 2030 e ODS. 

Na apertura do acto, o reitor da UVigo manifestou a súa preocupación por como xeracións vindeiras xulgarán á actual “porque ante holocaustos como os que se están a producir parece que o máis importante é o partido da fin de semana”. Ante “un mostro que segue medrando” o reitor apelou a facer algo, que no caso da universidade considera, “debe alumear o mundo e dicir as cousas como son. Xuntos somos máis fortes e oxalá que haxa máis exemplos como os premiados hoxe e entre todos sexamos quen de traballar en rede para parar o que vén”, dixo Reigosa. 

Un activo na visibilización do cancro infantil e no apoio a familias e menores afectados

A vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, encargada de conducir un acto no que a música estivo interpretada polo grupo de cámara da Orquestra da UVigo, destacou o compromiso do Consello Social e da UVigo con estes premios “por acadar un mundo máis xusto e sostible”, así como “amosar a Universidade como un activo sensibilizado que contribúe á construción dun mundo máis xusto, solidario e equilibrado”. 

A entrega dos premios ás mellores teses e traballos de fin de grao e mestrado en materia de Axenda 2030 e os ODS, deu paso, en primeiro lugar, ao recoñecemento a Bicos de Papel. No caso da asociación, nacida da experiencia directa de familias afectadas polo cancro infantil, o xurado dos premios UVigo Humana Consello Social valorou especialmente “o acompañamento emocional e social ás familias con menores en tratamento oncolóxico; facilitar recursos educativos, psicolóxicos e económicos; a organización de eventos benéficos e galas solidarias para recadar fondos e visibilizar a causa, e a xestión dun programa de acollida temporal nunha casa de acollida con capacidade para familias de Ourense que deben trasladarse a Vigo durante o tratamento do seu fillo ou filla. cancro infantil en Galicia, destacando o seu impacto directo no benestar das crianzas e no acompañamento das súas familias”.

Mila Martínez, presidenta de Bicos de Papel, agradeceu o galardón e destacou o seu carácter familiar, “as familias son o alicerce da asociación”, ao tempo que agradeceu o labor de voluntariado que unha vintena de estudantes da UVigo están a realizar na asociación . “O voluntariado social é o exercicio da nosa responsabilidade cidadá. En clase aprendedes sobre resiliencia; no voluntariado vémola nos ollos de quen loita cada día, neste caso nenos, que desde unha cama de hospital ou unha sala oncolóxica enfrontan o seu tratamento cunha forza admirable”, dixo a presidenta de Bicos de Papel. Mila Martínez apelou no seu discurso á capacidade de sumar , “porque ao final, todos xuntos sumamos. E cando sumamos, chegamos máis lonxe”.

Unha firme aposta polo liderado feminino das mulleres africanas

O impulso de programas de bolsas de formación superior como Learn Africa; o desenvolvemento de iniciativas de formación e acompañamento profesional para mellorar as oportunidades laborais e económicas de mulleres en situación de vulnerabilidade; e a organización de conferencias e encontros internacionais, que reúnen líderes políticas africanas e activistas iberoamericanas para visibilizar as causas das mulleres, intercambiar experiencias e trasladar propostas a organismos internacional son as accións da Fundación Mujeres por África que o xurado dos Premios UVigo Humana Consello Social recoñeceu e que consideran “reflicte unha aposta sólida e continuada polo liderado feminino, a igualdade de xénero e a formación como ferramentas de cambio social, xerando impacto directo en mulleres africanas e fortalecendo a cooperación internacional”.

Juan Algar, director xeral da Fundación e Beatriz Santacruz, coordinadora da Área de Educación e do Programa Learn Africa agradeceron o galardón e o apoio da UVigo a través de dúas bolsas que permiten a alumnas africanas cursar o Mestrado en Ciencia e tecnoloxía agroalimentaria e ambiental. Algar lembrou a aposta decidida da Fundación polo “talento feminino africano como motor do cambio para o desenvolvemento do continente, facilitándolles o acceso a unha educación superior”, agradecendo a participación das universidades neste proceso. Pola súa banda, Beatriz Santacruz gabou a implicación da UVigo, outorgando preto dunha trintena de bolsas de mestrado “contribuíndo á formación de capital humano altamente cualificado”.

A cara visible do movemento solidario

O presidente do Consello Social, no peche do acto, destacou que os galardoados cos premios UVigo Humana “posúen o mérito indubidable de acceder ao recoñecemento, que dada a enormidade do seu labor, failles un pouco de xustiza. Pero non é menos gratificante que se convertan na cara visible do movemento solidario no seu conxunto, o que se afana silenciosamente e permanentemente en que vivamos en espazos máis humanos, máis habitables e nos que nós mesmos teñamos a oportunidade de ser mellores”. 

Ernesto Pedrosa tamén lles recoñeceu que “onde case todos veríamos un deserto infranqueable e ameazante, vostedes prefiren ver un espazo, sabedores de que os espazos se cruzan. Posúen esta potencia de pensamento positivo”. Para o presidente do Consello Social “recoñecer o traballo, a dedicación e a xenerosidade destes colectivos fainos máis humanos, porque como deixou escrito Miguel de Cervantes: ‘A facer o ben, xamais lle falta premio”.