DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Antía Vieiro e Laura Barrós foron galardoadas na categoría de moda

Os premios Xuventude Crea recoñecen o talento do alumnado do campus

Na modalidade de videocreación foi distinguida a estudante de Belas Artes Rocío Campoy

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 19/12/2022

Preto de 350 mozos e mozas presentaron os seus traballos neste 2022 á décimo terceira edición do certame Xuventude Crea, promovido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia co obxectivo de premiar a creatividade artística da modalidade galega. Entre os galardoados e galardoadas nesta edición, figuran un ano máis novos talentos que se forman no campus pontevedrés. Concretamente, na categoría de moda o segundo e terceiro premio foron para Antía Vieiro e Laura Barrós, respectivamente, por unhas coleccións que naceron como traballos académicos no Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda. Así mesmo, o xurado da modalidade de videocreación outorgou o terceiro premio á estudante do Grao en Belas Artes Rocío Campoy pola súa obra Emocións en espiral

A gala de entrega dos galardóns ás 14 categorías deste certame tivo lugar na tarde deste sábado en Vigo, nun acto que contou coa participación do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e da conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García. Nas súas trece edicións, destacou o Goberno galego, este certame dirixido a mozos e mozas de ata 30 anos contou coa participación de preto de 4300 creadores e creadoras, que presentaron 3200 obras, e deu lugar á súa vez á creación dun museo dixital no que se reúnen os traballos premiados. 

Dúas coleccións nacidas nas aulas

Alén dos premios, no marco deste certame impúlsanse tamén diferentes exposicións temporais, como a que acolle ata o 29 de decembro a igrexa da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Nela poden verse as obras finalistas das categorías de deseño de xoias e de moda, entre as que se atopan as creacións de Antía Vieiro e Laura Barrós, recoñecidas cuns premios cunha dotación económica de 1500 e 1000 euros, respectivamente.

Nacida como un traballo para o Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda e presentada o pasado mes de novembro no bloque de proxectos de primeiro curso do desfile Debut, Vieiro Fernández foi premiada por ¡Vaya huevos!, unha colección que, desde a ironía, propón “unha crítica á fraxilidade que se presupón a muller desde a perspectiva do home”. Partindo dos tres estilismos que elaborou como traballo académico e aos que sumou dous novos para este concurso, esta alumna deu forma a un proxecto no que “potencia o símbolo do ovo”, facendo alusión a valores de valentía que, dun xeito estereotipado, se asocian ao masculino, e que á súa vez puña en relación coa idea da flor, “como algo moi fráxil e delicado”. Graduada en Belas Artes, Vieiro xa fora recoñecida previamente en certames como os Premios Auditorio de Galicia para Novos/as Artistas. Mais desta volta tratábase da primeira vez que optaba a uns premios cun proxecto centrado na moda. “Con moita alegría e orgullo” recibía nese senso un galardón que, por unha banda, supón unha achega ao seu currículo e, por outra, implica unha dotación económica “que vénme moi ben para preparar o meu traballo de fin de mestrado”, recoñece. A isto súmase á súa vez, sinala, o positivo de que o seu traballo permaneza exposto ao público nestas semanas en Santiago, “porque é unha forma de que chegue a máis xente”. 

Desta mostra forma parte tamén a colección Novo Pentaerion, que Laura Barrós realizou tamén como traballo de primeiro curso no mestrado e co que suma un novo galardón ao que obtiña hai unhas semanas na categoría de deseño e moda nos Premios Provinciais á Xuventude da Deputación de Pontevedra. 

Premio para unha espiral de emocións

Despois de que acadar o pasado ano o segundo premio na modalidade de fotografía no Xuventude Crea, na primeira vez que concorría un certame artístico, Rocío Campoy era recoñecida de novo neste certame autonómico. Desta volta, na categoría de videocreación, na que o xurado decidía outorgar o terceiro premio, dotado tamén con 1000 euros, á súa obra Emocións en espiral. Trátase dunha peza realizada coa técnica do stopmotion, coa que trata "de reflectir a disociación da realidade e a confusión a través de imaxes oníricas e unha repetición que se mergulla nunha espiral”, sinala. 

“Recibir o premio, e ademais na categoría na que quero facer o meu traballo de fin de grao, faime sentir máis segura sobre min mesma e sobre a miña obra”, salienta Campoy Lage do segundo premio que optén polo seu traballo artístico, tras o logrado o pasado ano pola súa serie fotográfica Berros, aos que se sumou recentemente a selección dunha das súas pezas para o Facom Fest da USC. Ao mesmo tempo, Campoy tamén destaca o positivo de que a súa videocreación “poida verse permanente” a través do museo dixital do Xuventude Crea, tendo en conta ademais que a súa modalidade non conta cunha exposición física no marco deste certame.