DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O servizo axuda no desenvolvemento persoal para acadar o éxito académico

Os problemas de autoestima e a ansiedade, as causas máis habituais de consulta no Gabinete Psicopedagóxico

Os obradoiros deste cuadrimestre abarcarán as técnicas de estudo e a relaxación

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Saúde
  • Cultura
Ana Proupín DUVI 07/02/2019

O Gabinete Psicopedagóxico da Universidade de Vigo, un servizo gratuíto, confidencial e aberto a toda a comunidade universitaria, ofrece atención personalizada nos ámbitos educativo, profesional e persoal, e aborda temas como a autoestima, os hábitos de estudo e as dificultades propias de cada quen co obxectivo de axudar no desenvolvemento integral das e dos usuarios.

Este servizo ten dúas liñas de traballo diferenciadas, por unha banda, dedica parte da actividade á formación psicolóxica, ámbito no que asesora e informa e, por outra, ofrece cursos e xornadas para afondar na formación persoal das e dos participantes. Isabel Ferreiro, responsable do Gabinete Psicopedagóxico da Universidade de Vigo, afirma que coas actividades propostas o que se busca é “o desenvolvemento integral do alumnado, queremos que saia preparado a nivel académico e tamén a nivel persoal”.

No que se refire a atención personalizada, o equipo de especialistas psicopedagogas analiza o ámbito educativo da ou do usuario, é dicir, os modos de estudo, a situación académica e as dificultades de aprendizaxe e propón as melloras pertinentes para cada perfil. Ao mesmo tempo, brinda apoio ao alumnado no ámbito persoal ao traballar a motivación e o manexo de conflitos, dous aspectos individuais que afectan ao desempeño académico. O estudantado que máis emprega este servizo é o de primeiro e segundo curso de grao, que acude con “problemas de autoestima e ansiedade que ocasionan un rendemento pouco axeitado de estudo”, sinala a psicóloga e educadora social do Gabinete Psicopedagóxico en Vigo e Pontevedra, Sandra Martiño. Ademais, realízase un seguimento individual no que se informa dos plans de estudo máis axeitados e se ofrecen pautas para cada tipo de problema. En resumo, apunta Mariño que “enfocamos a nosa actividade en axudar á xente, estamos aquí por e para ela”.

A outra vertente na que se traballa dende o gabinete é a formación persoal. Neste eido, ofrécense cursos, obradoiros e xornadas cada cuadrimestre sobre diferentes temas como habilidades comunicativas, educación asistida con animais ou intelixencia emocional. Pendentes de confirmar as datas definitivas, os obradoiros deste cuadrimestre abarcarán temas como técnicas de estudo e relaxación. 

Necesidades educativas especiais

Para o alumnado con necesidades educativas especiais, a institución conta cun Programa de Integración de Universitarios con Necesidades Especiais (Piune). Trátase dunha iniciativa, na que actualmente hai 40 persoas, que busca a igualdade de oportunidades e a integración na vida universitaria. “Alguén que ten un problema ou un trastorno diagnosticado recibe un trato diferente por parte da Universidade, dende aquí elaboramos pautas específicas para que o profesorado poida tratar pertinentemente a esa persoa e poida estar en igualdade de condicións con respecto ao resto do alumnado”, explica Martiño.

Un servizo que busca consolidarse entre toda a comunidade universitaria 

O Gabinete Psicopedagóxico conta con consultas nos tres campus, en Vigo está situado na Área de Benestar, Saúde e Deporte e atende de luns a venres entre as 10.00 h e as 14.00 h, excepto o mércores, día no que o fai en Pontevedra na mesma franxa horaria. En Ourense, a comunidade universitaria pode acudir ao gabinete todos os días lectivos en horario de mañá, de 09.00 h á 14.00 h, e de tarde, de 15.00 h á 18.00 h.

A asistencia ás consultas aumenta ano a ano en cada campus, aínda que a ritmos diferentes. Exemplo disto son os datos do último trimestre do ano 2018, con 342 persoas en Vigo fronte a 199 no mesmo período do ano anterior, con 460 en Ourense, 67 máis que no 2017 e, por último, Pontevedra incrementa 10 usuarios en comparación aos 59 do curso anterior. Ferreiro fai balance e explica que “en Ourense xa son oito os anos que levamos nós xestionando este servizo e hai un número moi elevado de consultas. Nos campus de Vigo e Pontevedra, aos que nos incorporamos hai dous anos, descoñecíanse as actividades psicopedagóxicas que se estaban a realizar”.