DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o estudo que Lucía Lomba realizou para a súa tese en centros de A Guarda

Os proxectos de innovación educativa melloran a motivación e rendemento do alumnado

Na análise, detectou “resistencias ao cambio” entre o persoal docente

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 13/12/2019

O desenvolvemento de proxectos de innovación achega múltiples vantaxes para o conxunto da comunidade educativa. Esta é unha das principais conclusións que Lucía Lomba extrae da análise dunha serie de experiencias impulsadas en centros educativos de A Guarda que realizou para a súa tese de doutoramento. A mellora do rendemento académico do alumnado e o aumento dos seus coñecementos sobre a contorna, xunto coa maior motivación do profesorado cara o traballo en equipo son algunhas das “principais vantaxes” deste tipo de proxectos baseados na organización de “comunidades de aprendizaxe”. Pola contra, Lomba tamén detectou na súa investigación a existencia dunha serie de dificultades e “resistencias” ao desenvolvemento deste tipo de experiencias, desde o “medo ao cambio” á falta de recursos económicos.

“Se pretendemos lograr unha educación transformadora, o cambio nas escolas debe abarcar máis que o contexto educativo. É necesario superar o modelo de ensinanza tradicional para promover un pensamento global que capacite aos estudantes para desenvolverse na sociedade actual”, sostén a xa doutora pola Universidade de Vigo e profesora da UNED e da UNIR. Partindo desa idea, a tese que realizou baixo a dirección dos catedráticos Margarita Pino e Antonio López Castedo centrouse en analizar as dinámicas, recursos, estratexias e dificultades para a implantación de proxectos de innovación nos ámbitos da educación primaria, secundaria e de formación profesional.

Concretamente, Lomba Portela centrou a súa investigación no municipio pontevedrés de A Guarda, onde realizou tanto unha análise da contorna educativa como un estudo dos beneficios xerados por dúas experiencias innovadoras concretas, que supuxeron “múltiples vantaxes para todos os membros da comunidade educativa, en especial estudantes e docentes”. Non obstante, a investigación, que comprendeu tamén unha análise dos contextos educativo, sanitario e comunitario do municipio, levou tamén a concluír que A Guarda “conta con multitude de recursos socioeducativos que non se están aproveitando ao máximo” para “implantar novas dinámicas innovadoras”. 

Os beneficios do traballo conxunto da comunidade educativa

No caso das experiencias concretas, Lomba estudou os posibles beneficios que supuxo o desenvolvemento dun programa formativo en centros de traballo para o alumnado de formación profesional, ao abeiro do programa Erasmus. A realización de máis dun cento de cuestionarios a estudantes dos diferentes ciclos implicados nesta actividade, antes e despois das estadías, permitiu constatar “un aumento significativo do rendemento académico en aqueles estudantes que realizaron o período de formación en centros de traballo no estranxeiro”, que era superior, de feito, a aqueles que realizaran estas estadías en empresas dentro de España

Por outra banda, a investigadora avaliou tamén os resultados dun proxecto levado a cabo noutro centro e consistente na “dinamización da súa biblioteca”. Un proxecto que logrou implicar “a todos os membros da comunidade educativa”, de tal xeito que nel participaron, explica, tanto “a practica totalidade dos docentes da escola”, como estudantes, familias e axentes locais. Deste xeito, a tese buscaba, subliña Lomba, “mostrar que a educación pode ser de maior calidade partindo dunha organización en comunidades de aprendizaxe, traballando conxuntamente todos os membros da comunidade educativa e aproveitando os recursos da contorna” e buscando así mesmo que “o espazo de aprendizaxe non se limite ás aulas”. 

Resistencias ao cambio

A investigación abrangueu tamén a realización preto dun cento de entrevistas e cuestionarios a docentes e integrantes dos equipos directivos de seis centros educativos desta localidade. Para esta análise, a investigadora valeuse dun cuestionario dirixido a medir “as resistencias ao cambio metodolóxico dos docentes”, que lle permitiu detectar a existencia dunha serie de “freos” para o desenvolvemento de proxectos innovadores. Entre eles figuran, explica, tanto “o medo ao cambio e a saír da zona de confort”, como a “falta de recursos económicos” ou a “ausencia de líderes”. 

Nese mesmo senso, a tese sinala que “as principais dificultades que teñen os docentes para innovar nas aulas son de índole organizativo, formativo, administrativo e económico”. Así mesmo, os docentes de secundaria e formación profesional amosáronse neste estudo “máis reticentes a cambiar metodoloxicamente” que o profesorado do resto de etapas educativas, á vez que se rexistrou unha maior “resistencia ao cambio” entre os profesores que nas profesoras, coa excepción da “capacidade de liderado e o factor formativo”.