DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En sesións desenvolvidas durante os meses de novembro e decembro

Os proxectos musicais de alumnado de Infantil póñense a proba na gardaría do campus

Participaron nenas e nenos de ata tres anos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 14/12/2022

Un dos maiores desexos e satisfaccións para o alumnado universitario é poder desenvolver nun contexto real os seus proxectos, ideas ou coñecementos. Atendendo a esta premisa, estudantes de terceiro curso do Grao en Educación Infantil da Facultade de Educación e Traballo Social puxeron en práctica durante os meses de novembro e decembro os seus proxectos musicais na Escola Infantil Concepción Saiz Otero do campus de Ourense.  

A iniciativa desenvolveuse no marco da materia Expresión Musical e a súa Didáctica baixo a docencia da profesora Lucía Casal, pertencente á Área de Didáctica da Expresión Musical da UVigo. “Tratouse dunha actividade de música para bebés de cero a tres anos. En base a unhas pautas explicadas e establecidas previamente nas aulas regulares da materia, o alumnado universitario participante tivo que preparar unha actividade musical para ser ensaiada e perfeccionada en clase, co fin de implementala con posterioridade na propia escola infantil”, comenta a docente. Así, as actividades deseñadas foron levadas á práctica posteriormente en diferentes sesións musicais realizadas na escola infantil do campus.  

En sinerxía coa contorna

O obxectivo destas sesións con respecto ao alumnado universitario, indica Lucía Casal, foi familiarizar ás e aos estudantes participantes “coa lóxica psicopedagóxica e musical que caracteriza as sesións musicais dirixidas a bebés”. Polo que respecta ás e aos destinatarios da actividades, bebés de cero a tres anos, engade, “o que se buscou foi estimular musicalmente a través de sesións fundamentadas na teoría da aprendizaxe musical, para ir cimentando o que se entende por aculturación, isto é, a primeira fase pola que pasa o ser humano para relacionarse coa música de maneira vivencial”.

Sobre o interese desta proposta, a súa responsable subliña que “esta experiencia é especialmente relevante para o alumnado pois, posto que chegou á universidade no curso 2020/2021, esta é a primeira práctica que fai fóra da facultade, nunha escola infantil con bebés, o que a foi altamente valorada”. Ademais, engade, “tamén é unha mostra dun trazo que debería caracterizar toda formación inicial vencellada ao mundo educativo, establecendo lazos coa comunidade e aproveitando os recursos da contorna para que as experiencias de ensino-aprendizaxe se dean en contextos reais e sexan o máis enriquecedoras posible”.