Dirección e Xestión Pública promoveu unha mesa de análise sobre estes comicios
Os resultados das eleccións nos EEUU impedirán cumprir os obxectivos da Axenda 2030
O debate afondou nas causas e consecuencias da vitoria de Trump
Analizar tanto as posibles causas como as consecuencias, tanto internas como en termos de política internacional, da elección de Donald Trump como presidente dos Estados Unidos, nas eleccións celebradas o pasado 5 de novembro. Ese foi o obxectivo da mesa de análise que este luns promovía a Facultade de Dirección e Xestión Pública e que contou coas intervencións dos integrantes do grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3 Fernando Martínez e Constantino Cordal. Ambos enmarcaron a vitoria do candidato republicano nun contexto global “no que os partidos que están no goberno teñen moitas dificultades” para repetir vitoria, á vez que sinalaron tamén posibles consecuencias da vitoria de Trump na esfera internacional. Neste eido, Cordal sinalou que “cuestións relevantes que teñen que ver coa reforma das Nacións Unidas” poderían quedar “estancadas”, ao tempo que afirmou que “está claro” que cun “negacionista climático” como el á fronte dos EEUU, os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) fixados na Axenda 2030 “non se van levar a cabo”.
Presentada polo decano, Enrique Varela, e enmarcada na conmemoración do 25 aniversario da implantación do estudos de xestión pública na UVigo, esta mesa buscaba achegar o alumnado as diferentes “perspectivas de investigación” que reúne o “único equipo de investigación adscrito á facultade”. Con esa idea, a conversa arrancou cunha intervención na que Martínez Arribas abordou o funcionamento do sistema electoral americano, no que, “a diferencia dos estados presidencialistas clásicos, o presidente non se elixe directamente”. A súa elección, lembrou, depende do número de compromisarios que logre cada partido, nunha votación no que o gañador en cada estado obtén o total de compromisarios e compromisarias elixibles. De feito, a vitoria de Trump é “a única nos últimos 30 anos” na que o Partido Republicano venceu non só en número de compromisarios, “senón tamén en voto popular”.
Neste punto, o investigador sinalou que o Partido Demócrata conta cun “voto moi segmentado”, sendo o partido máis votado entre “a poboación branca, de clase media-alta e formación universitaria” e entre a poboación afroamericana. Pola contra, explicou, a poboación branca “de clase media-baixa e sen formación universitaria vota maioritariamente” os republicanos. Nese contexto de segmentación, Martínez sinalou como posibles causas da derrota de Kamala Harris a perda de apoios dos demócratas entre as mulleres e a poboación latina, xa que, se ben en ambos casos acadou máis apoios que Trump, fíxoo cunhas porcentaxes inferiores, do 52% e o 54%, respectivamente, aos acadados por este partido en eleccións previas.
Efectos internos e internacionais
A esta situación sumouse, engadiu Cordal, que o Partido Demócrata “desconectou moito dunha parte potencial do seu electorado”, a poboación universitaria, que nos últimos meses “manifestábase contra o xenocidio en Palestina” e aos que fixo “caso omiso”, afirmou. A continuación, o investigador detívose nos posibles efectos dun segundo mandato de Trump, sinalando, no referido aos propios Estados Unidos, que 21 millóns de persoas “están en perigo de quedar sen sanidade pública” e que poden producirse “retrocesos” en cuestións como o dereito o aborto, mentres que no referido ás políticas migratorias, puxo en dúbida que Trump vaia acometer “a gran campaña de deportacións que di que vai facer”. En materia de política internacional, Cordal sinalou o posible estancamento de cuestións como os ODS, así como a necesidade de observar se a súa idea de impor aranceis “vai ter un impacto directo sobre o comercio coa Unión Europea”, que, por outra banda, “pode xogar tamén un papel, impondo unha serie de taxacións a grandes empresas tecnolóxicas americanas”.