DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cargo de Rafael Márquez, director de desenvolvemento de negocio de Aertec

Os retos de futuro da industria de drons centra unha conferencia en Aeroespacial

Con ela arrancou a programación de 2025 do ciclo divulgativo Foro Aero

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • TIC
  • Académica
DUVI Ourense 06/02/2025

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense arrancou este mércores pola tarde a programación do seu ciclo de conferencia divulgativas Foro Aero cunha sesión sobre os retos de futuro da industria de UAS (drons). A conferencia correu a cargo de Rafael Márquez Jiménez, director de desenvolvemento de negocio de Aertec.

Aertec, lembrouse no acto, é unha empresa de enxeñaría e consultaría internacional especializada en aeronáutica, nada en 1997 e que hoxe desenvolve a súa actividade en aeroportos, na industria aeroespacial e en defensa. É provedor preferente de Airbus en servizos de enxeñería de fabricación e xestión de programas para os seus avións civís e militares. Na súa traxectoria destaca tamén a súa participación en grandes programas aeronáuticos mundiais, como o A400M, A330MRTT, A350XWB, A320 e o Beluga, entre outros. O seu persoal confórmao un equipo de 600 profesionais especialistas en aeronáutica e dispón de oficinas en España, Reino Unido, Alemaña, Francia, Colombia, Perú, Estados Unidos e Emiratos Árabes Unidos. “Aertec acaba de aterrar en Galicia impulsando un ambicioso plan de crecemento en tecnoloxía aeronáutica no campo dos sistemas de guiado e os avións remotamente tripulados (UAS), que busca chegar a ser un referente europeo en sistemas aeroespaciais, mentres fortalece á rexión no sector”, sinalan desde a organización do Foro Aero.

Na súa intervención no edificio Politécnico do campus, o relator falou ao público asistente, membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela, destas características de Aertec e das súas liñas de traballo, dedicando especial atención ao desenvolvemento da industria de drons.