DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O encontro de egresados e alumnado do Mestrado en Enxeñaría Industrial será o 1 de decembro

Os retos e oportunidades da enxeñaría no ámbito da industria e a saúde centrarán a IV edición do MEI Day

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI 28/11/2022

Tras o parón do ano pasado, por mor da situación sanitaria, a Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo recupera os encontros Mei Day (Dia do Mestrado en Enxeñería Industrial), que acadan este 2022 a súa cuarta edición. Creados co obxectivo “de visualizar o papel da enxeñaría industrial no desenvolvemento da sociedade e mesmo na recuperación económica tras a recesión ocasionada pola situación de crise sanitaria”, explica Juan Pardo Froján, director da EEI, a IV edición dos MEI Day volverá reunir egresados e alumnado matriculado no Mestrado en Enxeñaría Industrial e no Mestrado en Enxeñería Biomédica, para compartir e intercambiar as súas experiencias profesionais e de emprendemento. A xuntanza celebrarase o 1 de decembro a partir das 18.00 horas no salón de actos da EEI e para poder participar, as persoas interesadas deberán rexistrarse.

Destacar o papel da enxeñaría no ámbito da saúde

A participación este ano por vez primeira nos MEI Day do alumnado que está a cursar a primeira promoción do Mestrado en Enxeñería Biomédica, responde á decisión das persoas promotoras da xornada de destacar o papel que a enxeñaría ten no ámbito da saúde nas sociedades modernas. “Con este obxectivo, a IV edición do MEI Day abordará os grandes retos e as oportunidades que se terán en afrontar nos vindeiros anos no ámbito industrial e da saúde”, explica Pardo, “e para iso contamos coa participación de profesionais que están a traballar en proxectos de cambio enmarcados, tanto no ámbito industrial, coma biomédico”.

A CEO e cofundadora de Merasys, compañía de desenvolvemento tecnolóxico, Lorena Rosende, será a primeira en tomar a palabra. Elixida como unha das mulleres referentes no ecosistema emprededor en España en 2020, Rosende é enxeñeira de Enerxía pola UVigo. O responsable de I+D+i de Corus Fegoba, onde actualmente se están a desenvolver liñas de investigación para novos procesos de fabricación e novos materiais para o sector da prótese dental, Óscar Barro Guizán, será o segundo en intervir. Profesor asociado da UVigo, Barro cursou o Mestrado en Enxeñaría Industrial e é doutor en Enxeñaría Industrial dentro do programa de Investigación en Tecnoloxías e Procesos Avanzados na Industria. A continuación tomará a palabra Mª Carmen López Pérez, enxeñeira Industrial pola UVigo e responsable da oficina de I+D+i de Balidea, empresa galega referente en solucións de e-Health. Tamén é membro da xunta directiva do Clúster de Saúde de Galicia e Industrial Advisor nun programa de doutorado industrial relacionado con Intelixencia Artificial-Tecnoloxías da linguaxe. O derradeiro en falar será Hugo Belerdas Castro, responsable de proxectos de I+D+i de Marine Instruments e titulado do Máster en Enxeñaría Industrial. 

Finalizadas as intervencións de Lorena Rosende, Óscar Barro, Mª Carmen López e Hugo Belerdas, abrirase unha quenda de intervencións e a continuación, as e os asistentes á xornada poderán participar nun café de traballo.

Tres edicións con elevada participación

Nesta cuarta edición, a organización agarda acadar o mesmo éxito das tres anteriores. “Na primeira, celebrada no curso 2018-2019, contouse coa participación de empresas como Beta Implants e Lupeon, que puxeron en marcha egresados e egresadas formados na EEI. Na segunda, centrada nas características do perfil profesional para a innovación, participou o director de estratexia e desenvolvemento de negocio de Boeing Research&Technology-Europe, Eduardo Carrillo e a terceira, que mor da pandemia foi virtual, centrouse nos retos e oportunidades dos sectores clave do noso ecosistema industrial na era dixital”, detalla o director da EEI.