Nunha mostra comisariada polo tamén gravador Xosé Poldras
Os retratos da paisaxe de Enrique Ortiz expóñense na Sala Alterarte
Pode visitarse ata o 17 de xaneiro de 2025
A Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense, acolle unha nova exposición. Trátase de Retratos da paisaxe, do artista Enrique Ortiz e comisariada por Xosé Poldras. Ata o 17 de xaneiro de 2025 as persoas interesadas poden achegarse ao pavillón I universitario para ver unha selección de 14 gravados deste pintor e gravador nacido en Ourense. A proposta dá continuidade ao ciclo expositivo da Sala Alterarte Reciprocidade, posto en marcha o pasado curso académico baixo a coordinación do profesor da Universidade de Vigo Javier Blanco Sierra.
Segundo explica Xosé Poldras na folla de sala da exposición, o artista convidado a expor na Sala Alterarte “ofrécenos alimento para o espírito en soporte de papel”. A natureza, detalla o comisario da mostra, “é modelo para Ortiz, por unha banda no sentido académico de observala para reproducila, e por outra en sentido ontolóxico, motor do seu traballo”.
Compromiso social e coa terra
Formado e residente en Madrid, Enrique Ortiz conta cunha dilatada formación e traxectoria artística. Os seus estudos comezaron na Escola de San Fernando e continuaron especializándose en diferentes técnicas de gravado, nomeadamente litografía, en París, na Escola de Artes Gráficas, e logo en Gran Bretaña, na Bath Academy e na Escola de Gravado Amsterdam, para rematar en Oslo, onde afonda na litografía. Partillou taller con Patiño e outros artistas como Saura, Canogar ou Alcorlo, na rúa Libertad en Madrid, e cofundou con Raimundo Patiño Estampa Popular Galega, de vida moi breve xa que foi interrompida pola censura. Tamén con Patiño compartiu o grupo literario Brais Pinto, onde estaban Bernardino Graña e Uxío Novoneira, pois a literatura é, como a música, outra das paixóns de Enrique Ortiz.
Se a temática no período de formación e primeira madurez de Enrique Ortiz foi con frecuencia social, na última etapa, explica Xosé Poldras, o gravador deixa de lado o compromiso social para volcarse “no compromiso coas montañas, onde durmía con mantas antes de que lle trouxeran un saco de durmir de París; as aciñeiras; as pozas; os carballos, as augas... de interior e de costa. Porque tamén se presenta como experimentado mariñeiro a vela”. Sobre esta evolución, o comisario sinala que “estimo que esa mudanza na iconografía chegou nun momento de serenidade no que valorou o compromiso coa terra o máis universal dos compromisos”, tal e como se pode ver na mostra que agora se expón na Sala Alterarte.