DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coincidindo coa celebración do Día Europeo da Cooperación

Os socios de Firepoctep expoñen nunha xornada os avances acadados na loita contra os grandes incendios forestais

Coa participación de Juan Picos, de Enxeñaría Forestal, e Pedro Orgeira, de Enxeñaría Aeronáutica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
D. Besadío DUVI 21/09/2022

Coincidindo coa celebración do Día Europeo da Cooperación, os socios do proxecto de innovación Firepoctep, dirixido á loita contra os grandes incendios forestais e a xestión dos espazos susceptibles de sufrilos, organizaron para este mércores unha xornada de sensibilización contra os lumes na que se tratou de achegar á sociedade o labor que vén levando a cabo este proxecto desde principios de 2020. Fixérono a través dunha posta en común das experiencias dos socios a ambos os dous lados da fronteira entre España  e Portugal. A xornada, de carácter semipresencial, celebrouse na sala 1 do edificio Miralles e nela explicáronse os avances conseguidos nun traballo que conta con 21 socios e un orzamento de 5,5 millóns de euros, financiados nun 75% con fondos Feder.

Drones nocturnos para controlar os lumes

Tras unha breve introdución por parte de Feuga, o docentes da Escola de Enxeñaría Aeronaútica e do Espazo Pedro Orgeira relatou a experiencia da Universidade de Vigo no proxecto FireRS –xerme do proxecto Firepoctep- no que participaron decenas de investigadores de tres nacionalidades diferentes: Portugal (Universidade de Porto), Francia (Centro Nacional de Investigación científica de Toulouse) e España (Universidade de Vigo). 

“O proxecto FireRS tiña como obxectivo crear un demostrador dunha integración de tecnoloxías para axudar aos medios existentes na actualidade na observación e seguimento do fogo nos incendios forestais”, explicou Orgeira, que interveu en liña. A filosofía baséase, tal e como relatou, en recoller datos reais dun incendio de forma automatiza no lugar onde está acontecendo por medio de sensores terrestres, avaliar a súa posible programación por medio de software e xerar de xeito automático rutas de voo para que uns drones sobrevoen o incendio co fin de confirmar si a propagación segue o modelo predito. No caso de Firepoctep o equipo está terminando de desenvolver un drone que axudará aos servizos de extinción a monitorizar os incendios forestais en condicións nocturnas. “Cun software para a xeración de imaxes da orografía do terreo que se superpoñen coas capturadas por medio dunha cámara embarcada, o drone proporcionará unha visión da evolución da serra do lume que non se pode obter por outros medios aéreos, xa que estamos a falar de condicións nocturnas”, apuntou o docente, quen tamén salientou que o drone xa realizou probas de voo en contornas controladas e se está a ultimar o software para a síntese e superposición de imaxes, co fin de realizar probas controladas en contornas reais nas próximas semanas.

Traballos de campo nos montes do Baixo Miño

No caso do director da Escola de Enxeñaría Forestal, o profesor Juan Picos, participou nunha mesa redonda na que se afondou nos principais retos da cooperación entre países. Na súa intervención salientou como Firepoctep analiza de xeito transversal a problemática dos incendios forestais na raia hispano-portuguesa, destacando especialmente o feito de que os avances acadados están a permitir unha aproximación á prevención deste tipo de incendios “dende unha escala territorial” e contribúen de xeito claro ao desenvolvemento de distintas metodoloxías que permitirán definir as chamadas Areas Estratéxicas de Xestión, “puntos claves fronte aos grandes incendios forestais”.

Nesta liña Picos explicou que no caso do paquete de traballo que el coordina empregouse teledetección satelital para desenvolver a cartografía de combustibles da comarca do Baixo Miño.  “Con esta cartografía actualizada repetimos as preto de 1800 simulacións de incendios na comarca e, a partires dos seus resultados, determinamos as zonas candidatas a ser catalogadas como áreas estratéxicas de xestión preventiva”, subliñou o investigador, quen tamén fixo fincapé en que estas áreas están a ser visitadas en traballo de campo para unha caracterización e selección das máis idóneas.