DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na quinta asemblea xeral desta iniciativa, na que participan seis países

Os socios do proxecto europeo rurAllure reúnense en Ourense e Lugo

Céntrase na divulgación do patrimonio que rodea as grandes vías de peregrinación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 29/03/2023

En 2021 botou a andar, liderado pola UVigo, o proxecto rurAllure, que ten como obxectivo divulgar o patrimonio cultural que rodea as grandes vías de peregrinación de Europa, ampliando as experiencias das e dos peregrinos que as percorren. Para acadalo, 16 socios de seis países europeos traballan no uso de ferramentas tecnolóxicas e estratexias de innovación que acheguen ás e aos turistas a oferta cultural das áreas rurais próximas a estes itinerarios. As provincias de Ourense e Lugo acollen os días 28, 29 e 31 de marzo a quinta asemblea xeral deste proxecto, co auspicio da Universidade de Vigo e a Fundación Uxío Novoneyra.

rurAllure é un proxecto multidisciplinar H2020 financiado con tres millóns de euros pola Comisión Europea. Coordinado polo investigador de atlanTTic (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo) e docente da Escola de Enxeñería de Telecomunicación, Martín López Nores, conta tamén co apoio da Facultade de Historia do campus de Ourense a través da súa profesora Susana Reboreda, investigadora principal da área de Ciencias da Antigüidade do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da UVigo.

Os socios foron recibidos este martes pola tarde no campus de Ourense polo secretario xeral da Universidade de Vigo, Miguel Ángel Michinel, e este mércores celebraron unha sesión de traballo no Centro Cultural Marcos Valcárcel, da Deputación de Ourense, para logo trasladarse á Fundación Otero Pedrayo, en Amoeiro. Este encontro, explica Martín López, ten como obxectivo analizar o desenvolvemento do proxecto, que rematará a finais de 2023, e o traballo pendente. “Estamos no momento de ir considerando pechar o proxecto, asegurarnos de inventariar, de capitalizar e de ter ben definidos todos os termos de propiedade intelectual e usos a futuro de todo canto se foi creando. Tamén é momento de planificar as actividades que nos quedan por levar a cabo con peregrinos, viaxeiros, axentes locais, institucionais, etc, nos catro proxectos piloto que temos”, comenta.

Catro pilotos e unha metodoloxía replicable

O consorcio de rurAllure está desenvolvendo unha plataforma dixital con catro pilotos que xiran arredor de catro grandes itinerarios europeos: o Camiño de Santiago, as rutas de peregrinación a Roma, o camiño de San Olaf a Nidaros (Noruega) e a Ruta Mariana de centro Europa (Romanía). Esta plataforma pretende crear un ecosistema de rutas de peregrinación a nivel europeo, de xeito que unha ou un peregrino teña información sobre puntos de interese local, tanto culturais e patrimoniais como sociais, que non están a pé de camiño, co obxectivo de que o visitante se adentre no territorio rural próximo para coñecer o seu patrimonio. A idea é que na plataforma cada itinerario terá os seus propios puntos de interese, audioguías e narrativas multimedia, información sobre tendas e servizos locais, transportes dispoñibles para os desprazamentos… converténdose nun xestor de contidos único e homoxéneo para todos os camiños de Europa. Sobre os avances nesta liña de traballo principal do proxecto, o seu responsable indica que “todo o que son as ferramentas comúns, as metodoloxías, as pautas de actuación, etc. están practicamente consolidadas: pretendemos que sexan comúns para os catro pilotos que temos en diferentes zonas de Europa e, a posteriori, exportables a outros contextos nos que queiran aplicar este know-how”.

Como estes pilotos se centran en diferentes rutas, detalla Martín López, “atopámonos con contextos e etapas de desenvolvemento moi diversos, desde produtos xa consolidados, como o Camiño de Santiago, cunha capilaridade notable, ata rutas xa consolidadas pero cunha única liña de peregrinación e camiños máis incipientes que están empezando”. A idea central do proxecto de fomentar o impacto das e dos viaxeiros no medio rural próximo aos camiños, apunta o investigador, “chega en diferentes momentos en cada unha destas rutas”. Así, por exemplo, detalla, para o Camiño de Santiago esta idea “é algo que se pode incorporar de maneira bastante sinxela, porque temos moi boa infraestrutura, moita densidade de camiños e tamén existen puntos de interese patrimonial notables”. Porén, noutros lugares incorporar estas nocións chégalles nun mesmo momento no que están pretendendo conseguir impacto das liñas principais, dos camiños oficiais, e pasan xa nos seus inicios a incorporar esta idea de impacto territorial. Os catro pilotos, detalla o líder do proxecto, “parten todos de puntos iniciais moi diferentes e abranguen territorios moi diversos pero o know-how creado no proxecto, as ferramentas tecnolóxicas, están razoablemente maduras e a disposición xa dos territorios cos que traballamos e outros novos”, afirma Martín López.

Ao longo da súa estancia en Ourense e Lugo, os socios do proxecto terán a oportunidade de descubrir algúns dos principais puntos de interese do piloto de patrimonio literario en relación co Camiño de Santiago que forma parte de rurAllure, como a Fundación Otero Pedrayo ou a Fundación Uxío Novoneyra, ambos enclaves próximos a diferentes Camiños de Santiago. Igualmente, o programa prevé unha serie de presentacións da rede a axentes no Parador de Monforte e actividades como un percorrido circular a pé polas murallas romanas de Lugo e a ruta literaria desenvolvida con motivo do 120 Aniversario do escritor Ánxel Fole.