DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Lola Dopico, directora de Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda:

“Os traballos dos nosos alumnos están a un nivel moi competitivo”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI DUVI 09/01/2008

Co fin de dar resposta á, cada vez, maior demanda de persoal cualificado no sector téxtil e da confección, naceu Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga), primeira titulación pública destas características en España. Foi no curso 2004-2005 cando a titulación inicia a súa andaina, impulsada pola Universidade de Vigo en colaboración con institucións públicas e privadas como o Concello e a Deputación de Pontevedra, a Consellería de Innovación da Xunta de Galicia, Caixanova ou a Asociación Téxtil de Galicia. A través de clases eminentemente prácticas, con medios audiovisuais e informáticos, fórmanse profesionais aptos para coordinación de todos os procesos de creación, fabricación e elaboración dos productos relacionados coa moda e a confección.
Cando a primeira promoción xa está na rúa, falamos coa súa directora, Lola Dopico quen considera que este é un momento clave para os titulados xa que “hoxe en día son moitas as empresas que requiren expertos neste eido”.

É deseño unha carreira de moda?
Esta é unha titulación na que moitos axentes sociais tiñan interese en que botara a andar. Dende o propio Concello de Pontevedra ata as empresas implicadas había unha gran disposición porque así fora. Polo tanto, podemos dicir que si, que deseño é unha carreira de moda.

Hai cabida para esta titulación?
Creo que si, fundamentalmente a transformación que teñen que desenvolver moitas empresas pasa, precisamente, por incorporar nos seus cadros xente que teña unha formación como a que aquí ofrecemos. Cando se fixo o programa desta titulación tívose moi en conta o sector, e para iso estudamos cales eran as súas necesidades e demandas.
Penso que fai falta máis persoal cualificado para postos medios, que saiban desenvolver temas de deseño, de xestión, de comercialización, etc.

Cales son as saídas profesionais desta carreira?
As principais saídas son a incorporación en equipos de deseño e a creación da propia empresa. Pero tamén hai outras que pasan polo traballo como figurinistas, como xefes de vestiario, estilistas de moda para televisión, editoriais, revistas, series, cine, todos eles, eidos relacionados coa dirección de shooping.

Cal é o perfil dos titulados?
O deseño esixe creatividade pero tamén unha personalidade capaz de afrontar o traballo en equipo, xa que é algo que non podes levar a cabo ti só de principio a fin. Ademais precísase moita permeabilidade, así como, estar aberto aos cambios onde non ten cabida a rutina.

Segundo o seu punto de vista, en que situación se atopa o sector téxtil neste momento?
Estamos nun período de grandes transformacións, no que se están a desenvolver cambios substanciais na estrutura das empresas. Ademais o sector estase a enfrontar a retos relacionados co feito de engadir un valor ao seu produto para competir con outros, e aquí é onde o deseño xoga un papel decisivo.

Que opina do intrusismo que se está a dar nesta profesión?
As modelos ou artistas que se dedican a ser deseñadoras o que realmente fan é poñer o seu nome como marca. É un proceso lóxico, vivimos nunha sociedade no que todo funciona por imaxes e, evidentemente hai personaxes que son, en si mesmos, unha marca. Nese senso, penso que poden ser moi importantes para o desenvolvemento profesional daqueles que deseñan e sacan adiante a produción. Por iso, non creo que sexa un problema para a industria, todo o contrario, creo que eses personaxes forman parte desta maquinaria da moda.

Como valoraría estes primeiros anos da titulación ?
De xeito moi positivo, tanto profesional como persoalmente. Foi un reto moi importante e, aínda que ao principio non foi doado, logramos implicar a moita xente: empresas, profesionais,...
Ademais resulta moi satisfactorio ver cada día os proxectos que fan os nosos alumnos e podo dicir que están a un nivel moi competitivo, cada vez que presentamos algún traballo publicamente é sempre un éxito.