DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xuntanza celebrada este venres en Lugo

Os tres campus de especialización e a Xunta buscan impulsar a súa colaboración para fortalecer o Sistema Universitario Galego

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Institucional
DUVI Ourense 20/09/2024

Este venres, o campus de Lugo acolleu a reunión de coordinación entre os tres campus de especialización galegos (Campus Auga de Ourense, Campus Industrial de Ferrol e Campus Terra de Lugo). O impulso da colaboración entre eles busca, no marco do Programa de Especialización de Campus do Goberno galego, fortalecer o Sistema Universitario de Galicia.

No encontro, presidido polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, os responsables do Campus Industrial de Ferrol, do Campus Terra de Lugo e do Campus Auga de Ourense “puxeron en común os seus proxectos, en aras de evitar duplicidades e establecer sinerxías e accións estratéxicas que sumen e se complementen á hora de acadar resultados de investigación”, tal e como indican en nota de prensa desde a Xunta de Galicia. A cooperación, engaden, “suporá un beneficio directo no fortalecemento das estruturas dos campus non centrais, aproveitando as súas potencialidades e facéndoos máis competitivos e especializados”.

Por parte da Universidade de Vigo estivo na xuntanza Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e membros do Campus Auga, campus de especialización acreditado o pasado mes de febreiro pola Xunta de Galicia. Tras a reunión, que se celebrou no edificio de apoio á investigación Cactus, no campus de Lugo, os participantes realizaron unha visita ás principais instalacións do Campus Terra.

35 millóns investidos

A Xunta de Galicia lanzou en 2013 o Programa de Especialización dos Campus do Sistema Universitario de Galicia e o outorgamento da acreditación de especialización, o selo de excelencia que os recoñece como tal. Desde a súa posta en marcha, o goberno galego leva investido máis de 35 millóns de euros nos diferentes convenios asinados coas universidades da Coruña, Santiago e Vigo para o desenvolvementos dos campus especializados de Ferrol, Lugo e Ourense. “Grazas a este apoio, os tres campus contan a día de hoxe con actuacións e financiamento propio e específico para impulsar o seu posicionamento, a calidade docente e investigadora e fortalecer o seu papel como axentes dinamizadores do territorio”, afirman desde o órgano autonómico.