DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A finalidade é crear tres spin-off que permitan comercializar as tecnoloxías desenvolvidas

Os tres proxectos vigueses do programa Ignicia acadan un financiamento de 1,16 millóns de euros

UbiSmart céntrase en comunicacións móbiles; XHS Platform, en picosatélites e Biofast no eido dos bio

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 19/09/2017

O programa Ignicia foi posto en marcha neste 2017 pola Axencia Galega de Innovación, Gain, como unha aposta por trasladar os resultados da investigación a unha etapa de explotación comercial. Nunha primeira fase preseleccionáronse 25 proxectos de universidades, centros de investigación e hospitais, entre eles sete da Universidade de Vigo. Na fase de maduración e investimento o xurado finalmente elixiu sete proxectos en total, tres da Universidade de Vigo, outros tres de Santiago e un de Gradiant. Agora, a Xunta de Galicia en colaboración da Fundación Barrié, acaban de dar a coñecer o financiamento que recibirá cada un dos proxectos: 469.700 euros para UbiSmart, promovido por Felipe Gil, Francisco Javier González, Alexandre Bastos e Raja Bose; 443.792 para XHS Platform, de Fernando Aguado, Arno Formella, Ricardo Tubío, Alberto González e Diego Nodar e 247.120 para Biofast, liderado polos investigadores Pío González, Julia Sierra e Stefano Chiussi. En total, os tres proxectos da Universidade de Vigo recibirán 1.160.000 €.

A vicerreitora de Investigación e Transferencia, Asunción Longo, valora moi positivamente este resultado, xa que o Comité de Investimento finalmente apostou por financiar os tres proxectos vigueses seleccionados na segunda fase, que ademais acadan achegas que responden ás necesidades plantexadas polos equipos. O importe das axudas foi determinado en función de estudos de mercado, validación técnica, análise de oportunidades de negocio, posibles investidores futuros, etc. Ángeles López, responsable da Oficina de I+D, explica que se trata de “proxectos de proba de concepto ou desenvolvemento comercial”, que son froito do traballo conxunto dos equipos de investigación e da Oficina de I+D. Destaca que é un “gran logro para a nosa Universidade”, que acadou preto da metade dos proxectos concedidos e unha “contía significativa que se supón que se multiplicará na fase de comercialización, se teñen éxito”.

O obxectivo da convocatoria é avanzar nas etapas de maduración dos resultados de investigación para chegar finalmente ao mercado, polo que ao final do período de desenvolvemento comercial crearanse tres spin-off para explotar as tecnoloxías. A convocatoria considera un período temporal que non debería superar os catro anos, xa que ao tratarse dun programa de proba de concepto e desenvolvemento comercial, só se podían presentar tecnoloxías medianamente maduras. Por outra banda, a vicerreitora explica que o comité encargado de analizar os proxectos achegou recomendacións aos grupos, encamiñadas por exemplo, á profesionalización dos labores de xestión e xerencia das futuras empresas e, de feito, reserva parte das axudas a este fin, co obxectivo de que as e os investigadores non se teñan que ocupar de tarefas de administración.

UbiSmart

O proxecto que acadou maior financiamento (469.700 euros) é UbiSmart, impulsado polos investigadores do Grupo de Tecnoloxías da Información da EE de Telecomunicación Felipe Gil, Francisco Javier González, Alexandre Bastos e Raja Bose. O seu proxecto aposta pola comercialización cunha tecnoloxía que permite interactuar, a través de pantallas e equipos periféricos de sobremesa, con aplicacións de teléfonos móbiles persoais. Deste xeito, pódese empregar o teclado, por exemplo, para interaccionar coa aplicación, que se segue a executar no móbil. Felipe Gil destaca a oportunidade que supón Ignicia para transferir os resultados da investigación ao tecido produtivo e á sociedade en xeral, e recoñece que ese é un dos principais obxectivos do seu grupo, “crear desde Galicia tecnoloxía que teña aplicación global, o que redundará na creación dun ecosistema que reteña e atraia talento, abra novas posibilidades e xere valor”, sinala Gil.

XHS Platform

O proxecto de Fernando Aguado, Arno Formella, Ricardo Tubío, Alberto González e Diego Nodar, XHS Platform, acadou un financiamento de 443.792 euros. Trátase dun proxecto de valorización e industrialización da plataforma multimisión de pequenos satélites da Universidade de Vigo para a provisión de servizos comerciais de acceso ao espazo rápido, frecuente, fiable e con custo eficiente. Esta proposta é froito de máis dunha década de traballo da Agrupación Aeroespacial no eido dos picosatélites, que marcou fitos tan importantes como o lanzamento ao espazo en 2012, en colaboración co INTA, do Xatcobeo, convertendo así a Vigo na primeira universidade europea en poñer en órbita un Cubesat 1U construído cos estándares da Axencia Espacial Europea. Despois seguiron o Humsat-D a finais de 2013 e o Serpens en 2015. Fernando Aguado valora moi positivamente a oportunidade que supón o programa Ignicia para levar os resultados da investigación ao mercado e destaca tamén que este proceso de maduración lles permitirá “orientar os futuros desenvolvementos do grupo de investigación”.

Biofast

O terceiro dos proxecto da Universidade de Vigo seleccionados no programa Ignicia é Biofast (Bio Fluor Apatite Shark Teeth), impulsado polos investigadores do Grupo de Novos Materiais Pío González, Julia Sierra e Stefano Chiussi. A súa proposta é un biomaterial para rexeneración ósea obtido a partir de residuos e descartes da pesca, en concreto de dente de tiburón. Trátase dun material cunhas características fisicoquímicas de suficiente similitude co tecido óseo para que se converta nun produto de aplicación clínica para a reconstrución ósea tras traumatismos ou reseccións de tumores de óso así como aplicación dentais. A súa proposta atópase xa moi avanzada, grazas á participación en varias convocatorias de incubación e emprendemento, como os premios Incuvi, postos en marcha pola Universidade ou VíaVigo. Para o Grupo de Novos Materiais, recoñece Pío González, a inclusión no programa Ignicia “será o impulso definitivo para transferir esta tecnoloxía e chegar ao mercado biomédico e para que os resultados da investigación se transfiran á sociedade”.