DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres asínase un protocolo de colaboración entre os representantes das sete entidades

As e os valedores universitarios galegos alíanse cos seus homólogos do norte de Portugal

Entre outros, tratarase de mellorar a resolución de conflitos durante as estadías de mobilidade

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Visitas
  • Institucional
D. Besadío DUVI 24/05/2019

As e os valedores universitarios das tres universidades galegas mantiveron este venres no campus de Vigo un encontro cos seus homólogos do norte de Portugal, os/as denominados provedores do estudante. Considerando que existen importantes similitudes en relación á natureza e funcións dos seus respectivos órganos, aos que se lles encomenda a tarefa principal de defender e promover os dereitos e intereses lexítimos no ámbito universitario, e que todos forman parte da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, un espazo caracterizado por unha crecente cooperación, sobre todo no ámbito da educación universitaria, as/os participantes na reunión asinarán esta tarde un protocolo de colaboración no que se comprometen  a regularizar e dar continuidade no tempos as súas relacións, establecendo a obriga de realizar, cando menos, un encontro anual.

“Trátase de facilitar o coñecemento e a comunicación entre os/as provedores do estudante e os valedores/as universitarios da Eurorrexión, así como impulsar o intercambio de información e experiencias relacionadas co desempeño das funcións inherentes ao noso cargo”, explica Argimiro Rojo, presidente do Tribunal de Garantías da Universidade de Vigo e coordinador da Rede Iberoamericana de Defensorías Universitarias, Reduga, que asistiu ao encontro acompañado pola vicepresidenta do tribunal, a profesora da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais Coral del Río.

A xuntanza, que se prolongará ao longo de toda a xornada de hoxe venres na sala II do edificio Miralles, contou coa participación dos provedores/as do estudante das Universidades de Minho (Paula Cristina Martins), Porto (Carlos Costa), Tras-os-Montes e Alto Douro (Mário Gonzalez Pereira) e Instituto Politécnico do Porto (Berta Batista), pertencentes á Rexión Norte de Portugal, e os valedores/as das Universidades da Coruña (Ana Tarrío), Santiago de Compostela (Miguel Alcaraz) e Vigo (Argimiro Rojo). 

Afondando no papel do defensor/a na resolución de conflitos e a prevención da exclusión

Tras ser recibidos por parte da vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, que os felicitou  pola posta en marcha desta iniciativa, arrancou oficialmente a xuntanza, un encontro no que se lembrou que a maioría destas universidades e institutos politécnicos xa forman parte de diferentes redes e programas de colaboración conxuntos, tales como o programa Iacobus, que promove a realización de estancias transfronteirizas, tanto de persoal investigador como de administración e servizos; o Centro de Estudos Eurorrexionais, CEER; a Rede de Universidades da Eurorrexión... “O alto número de estudantes portugueses, tanto de grao como posgrao, que realizan os seus estudos nas universidades do SUG, e de moitos galegos que o fan nas universidades portuguesas, aínda que en menor contía, fai que a cooperación sexa un intercambio do que se benefician todas as partes”, recalcou Rojo.

Entre os temas concretos que se puxeron sobre a mesa ao longo da reunión falouse do alumnado con necesidades especiais de apoio educativo; da prevención dos conflitos e a exclusión, do papel do defensor/a en caso de que o conflito, finalmente, se produza, e de como debe tratarse este asunto se acontece entre estudantes nacionais e universidades estranxeiras durante estadías de mobilidade. 

Xa pola tarde, contarase coa intervención de Argimiro Rojo e Miguel Alcaraz, que serán os encargados de afondar nos principais retos das defensorías universitarias e a súa contribución ao problema da exclusión, incluíndo a presentación de diferentes casos prácticos do SUG. Despois, tras a presentación das conclusións, terá lugar a sinatura do protocolo de colaboración.