DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Campaña solidaria de doazón de material informático

Os vellos ordenadores terán unha nova vida en organizacións sen ánimo de lucro

As solicitudes pódense entregar ata o 14 de marzo

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 21/02/2008

Ordenadores antigos con tecnoloxía innovadora. Iso é o que ofrece o Grupo de Reciclaxe Informática da Universidade, GRUVI, ás entidade sen ánimo de lucro, dentro dunha iniciativa de doazón de material informático en desuso. Trátase de así recuperar equipos que, para o traballo diario da institución quedan obsoletos, pero que para outro tipo de finalidades están aínda en boas condicións.
Este programa, posto en marcha no curso 2005-2006 dende a Oficina de Voluntariado e Integración, foi crecendo con forza tanto na cantidade de material recollido como no número de solicitudes por parte das asociacións. O obxectivo é ofrece unha segunda oportunidade a este material desbotado dotándoo con programas de software libre, que inclúen un sistema operativo, conexión a internet e aplicacións ofimáticas. Ao longo do ano, o GRUVI recolle o material vello dos centros e das oficinas da Universidade e, despois de pasar por unha selección previa, parte dos equipos son recuperados e actualizados para doalos a asociacións e ONG, rompendo así coa fenda dixital que impide o acceso dos colectivos desfavorecidos ás novas tecnoloxías.

Un traballo desenvolto por voluntarios

Neste proxecto colaboran ano tras ano un maior número de voluntarios e, na actualidade, son 20 as persoas implicadas neste programa de reciclaxe. Estes colaboradores, xunto co persoal da Universidade, ocúpase de selección dos equipos e “no taller que temos na Facultade de Filoloxía e Tradución destripan o hardware e o software dos ordenadores”, explica Ricardo Rodríguez, técnico da Oficina de Voluntariado e Integración. A cantidade de material recollido neste curso é moi superior a anos anteriores, pero tamén o é cada ano o número de entidades solicitantes. “No 2007 recibimos peticións de material de 90 asociacións pero desgraciadamente non temos para todas, polo que temos que facer unha criba”, apunta Rodríguez. A convocatoria para este ano vén de abrise e as entidades sen ánimo de lucro poden presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 14 marzo. Para a entrega do material terase en conta o ámbito territorial das asociacións, o número dos seus beneficiarios, a experiencia ou o interese social do proxecto. Estas organizacións deben estar legalmente constituídas, carecer de fins lucrativos e ser a súa sé nunha localidade das provincias de Pontevedra ou Ourense.
Nas anteriores edicións beneficiáronse desta proxecto colectivos como Down Vigo, os Hermanos Misioneros de los Enfermos Pobres de Teis, a Fundación Integra, Érguete ou Renacer.

O proxecto GRUVI

Ademais da recuperación dos equipos informáticos, o GRUVI organiza unha serie de actividades complementarias como obradoiros ou cursos. Nesta iniciativa toman parte, xunto coa Oficina de Voluntariado e Integración, a Oficina de Medio Ambiente e as asociacións de amigos de Linux GALPON e GULO. Estas últimas ofrecen asesoramentos ás asociacións no referido á instalación e funcionamento dos equipos e dos programas de software libre. Ademais, tamén se organizan talleres para ensinar aos voluntarios e á comunidade universitaria en xeral a reciclar estes equipos.
Deste xeito, dende o GRUVI trabállase en tres frontes. Con finalidade social dóanse equipos reciclados a entidades sociais e incorpóranse voluntarios para realizar o traballo; dende o punto de vista ambiental, redúcese o número de residuos e mitíganse os efectos ecolóxicos e, finalmente, promociónase o uso do software libre e facilítase formación neste campo.