DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun libro da poeta e tradutora paraguaia Susy Delgado

Os versos de Rosalía xa poden lerse en guaraní

A presentación será este xoves e contará coa participación de Iolanda Galanes e Anxo Angueira

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Cultura
D. Besadío DUVI 24/05/2022

Rosalía de Castro, matriarca das letras galegas, pode lerse en galego, pero tamén en alemán, búlgaro, catalán, español, éuscaro, inglés, italiano, xaponés, francés, portugués, ruso, sueco... e, dende agora, tamén en guaraní, lingua indíxena falada aproximadamente polo 90% da poboación de Paraguai. Este xoves preséntase na Universidade de Vigo a antoloxía bilingüe guaraní-galego Rosalía ñe’ë poravopyre (Escolma poética de Rosalía), unha selección poética de Follas Novas, realizada pola poeta e tradutora paraguaia Susy Delgado. 

Será ás 16.00 horas a través do Campus Remoto, un acto virtual aberto ao público e no que se contará coa participación, ademais da propia autora da obra, dos profesores da Facultade de Filoloxía e Tradución Iolanda Galanes, autora do prólogo, e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro. Ademais participarán tamén na presentación Cayetano Quattrocchi, director da editorial Arandurã; Fernando Fajardo, director do Centro Cultural de España Juan de Salazar, e Delicia Villagra, lingüista e membro de número da Academia da Lingua Guaraní.

Selección de poemas de Follas Novas e de Do íntimo

Publicado pola Editorial Arandurä co apoio do Centro Cultural de España Juan de Salazar, dependente da Axencia Española de Cooperación Internacional, cos auspicios da propia Universidade de Vigo e da Fundación Rosalía de Castro, o libro recolle unha selección de textos realizada por Susy Delgado. Inclúe poemas de Follas novas, unha das obras máis notables de Rosalía, principalmente da sección titulada Vaguedás e algúns outros poemas extraídos de Do íntimo. Preceden ás traducións un limiar sobre a vida, obra e traducións de Rosalía  elaborado por Iolanda Galanes, especialista en traducción literaria galega (grupo de investigación BiFeGa_BITRAGA), e unha introdución da tradutora . 


Declarada de Interese Cultural pola Secretaría Nacional de Cultura e de Interese Lingüístico pola Secretaría de Políticas Lingüísticas de Paraguai, a obra terá tamén unha presentación pública a finais de xuño en Asunción, capital de Paraguai.

Un ‘diálogo’ guaraní-galego que vén de lonxe 

A colaboración con Susy Delgado e o ‘diálogo’ guaraní-galego xorde cando no ano 2008 se publicara unha antoloxía da súa obra, traducida ao galego por Fátima Rodríguez, na Editora Espiral Maior. “Nesa altura Susy era a responsable da Secretaría de Directora de Promoción de Lenguas da Secretaría Nacional de Cultura e impulsora da lei do guaraní como coordinadora da campaña internacional para a promulgación desa lei”, subliña a profesora Iolanda Galanes, ao que engade que ela tivo a oportunidade de coñecela a través dun contacto persoal e, desde o grupo de investigación Bitraga, decidiron convidala a dar unha conferencia na Facultade de Filoloxía e Tradución en 2010. “Susy Delgado é unha grandísima poeta e intelectual no seu país con proxección no exterior”, salienta Galanes, ao tempo que resalta a súa habitual participación en feiras Internacionais do libro en representación do seu país, especialmente no relativo ás linguas indíxenas. Foi nunha desta feiras, en Guadalajara, na que Delgado e Galanes volveron a coincidir. “Suxerinlle que se adentrase en Rosalía e ela foi buscando materiais e apaixonándose co proxecto”, subliña Galanes. Finalmente, seleccionou 24 poemas de Follas Novas e traduciunos ao guaraní.

“O meu prólogo é un pequeno retrato de Rosalía, da súa importancia e traducións, para amosarlle ao público latinoamericano quen é esta autora”, recalca a investigadora da UVigo, quen tamén fai fincapé en que esta autora está presente en toda América, de Canadá a Chile, pasando por Estados Unidos, México, Arxentina, Brasil e Uruguai. “Este círculo amplíase agora con esta valiosa tradución paraguaia”, salienta Galanes, ao que engade que “a cultura guaraní e a galega teñen un novo punto de unión na brillante poética de Rosalía de Castro e tamén na da súa tradutora, Susy Delgado”.