DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes entregáronse na Facultade de Ciencia Empresariais e Turismo

Os VI Premios de Investigación distinguen estudos sobre a distribución da renda en España e os recursos de turismo científico en Ourense

Tamén se concederon accésits a traballos fin de grao sobre xénero, accesibilidade e prezos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Premios
  • Universidade e empresa
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 20/11/2018

Un estudo comparado da distribución da renda en España durante o século XXI e unha análise dos recursos naturais científicos na provincia de Ourense con potencial para o turismo científico. Estes son os temas dos dous traballos fin de grao que este martes recibiron no campus de Ourense os primeiros premios do VI Premio de Investigación da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo-Colexio de Economistas, convocados coa colaboración da Deputación de Ourense. Tamén se concederon accésits a estudos sobre cuestións de xénero, accesibilidade e percepción de prezos.

O acto contou coa participación de Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; Elena Rivo, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, e Guillermo Díez, decano do Colexio de Economistas de Ourense. Artur Yuste, director xeral do Grupo Cuevas, foi o encargado de dar a conferencia de apertura do acto falando tanto da traxectoria do seu grupo coma del mesmo e das actitudes (traballo en equipo, humildade, resilencia, eficiencia, responsabilidade, transparencia, empatía, intelixencia emocional, esforzo e exemplariedade) e aptitudes (estudos, coñecementos, experiencia e formación continua) que na súa opinión son as claves do éxito profesional.

Durante o acto Esther de Blas salientou como os traballos galardoados son froito do talento das e dos seus autores pero tamén do apoio das e dos seus titores. Pola súa banda, Elena Rivo subliñou como a entrega destes premios “son unha demostración da valía dos nosos estudantes e da conexión da universidade co sector empresarial”. Guillermo Díez tamén destacou a satisfacción da entidade que preside con estes premios recalcando a calidade dos traballos presentados. “Cada vez poñédesnolo máis difícil”, afirmou. Pola súa banda, Manuel Baltar destacou ao público presente a vinculación dos temas premiados co desenvolvemento da provincia e como este desenvolvemento depende non só dos recursos materiais senón tamén “dos recursos humanos, que sondes vós”. Tanto Guillermo Díez como Manuel Baltar tiveron palabras de lembranza para o recentemente falecido José Manuel Pérez Canal, presidente da Confederación Empresarial de Ourense e marido de Elena Rivo, destacando tanto a súa figura como o feito de que tiña asistido ás cinco anteriores entregas destes galardóns. Así, Manuel Baltar, propuxo que estes Premios de Investigación pasen a levar o nome de José Manuel Pérez Canal.

Dous primeiros premios

O primeiro premio na modalidade do Grao en Administración e Dirección de Empresas foi para o egresado Roberto Graña, polo estudo titorizado polo profesor Antonio Molina A distribución da renda en España durante o século XXI. Un estudo comparado. “Tendo en conta que España foi un dos países do mundo que peores consecuencias experimentou a raíz da crise económica, a meta principal deste estudo foi a avaliación das disparidades de renda vixentes na sociedade española na actualidade e a súa comparativa coas que presentan outros estados membros”, recolle o traballo. Da súa análise teórica o autor sinala como no seu estudo “se demostra unha pequena influencia da fase do ciclo económico na distribución da renda, porén, este factor non é tan transcendente na conxuntura das desigualdades económicas como reflectían os postulados de varios expertos”. Partindo dos diferentes matices que supón o uso de datos procedentes de Euromod e Eurostat, España, recolle o traballo, situaríase entre os países con desigualdade media, xunto a Bulgaria e Portugal.

O primeiro premio na modalidade do Grao en Turismo foi para Sara Lusquiños polo estudo Turismo científico: os recursos naturais científicos na provincia de Ourense, titorizado por Mª Montserrat Cruz. “Este estudo explica e analiza a importancia que teñen para a sustentabilidade as tipoloxías de turismo responsables, neste caso, o turismo científico”, comenta a autora no seu traballo. Este turismo, sinala, “pretende reformular o concepto de turismo convencional, co obxectivo de asegurar o patrimonio as vindeiras xeracións por medio da difusión de coñecementos científicos”. Neste contexto no seu traballo, ademais de abordar cuestións de carácter teórico, “realizase un inventario dos recursos naturais da provincia de Ourense, susceptibles de converterse en espazos de turismo científico, co fin de apostar por esta tipoloxía no territorio e demostrar a súa viabilidade”.

Tres accésits

Entre os tres accésits entregados Yesica Pallas acadou un polo seu traballo sobre Accesibilidade nos recursos turísticos de Ourense, titorizado por Ana Pérez. Nel analízanse os recursos turísticos potenciais desta cidade en termos de accesibilidade, realizando un mapa interactivo deles e ofrecendo posibles solucións ás barreiras detectadas. “Os resultados foron en xeral moi negativos e, moitos dos mesmos, poderían ser xestionados a través de pequenas acción e modificacións”, comenta a autora no seu traballo.

María López foi distinguida cun accésit polo seu traballo Análise da presenza da muller nos consellos de administración das empresas familiares, titorizado por Elena Rivo e Mónica Villanueva. “Unha vez analizados todos os datos sobre a presenza das mulleres nos consellos de administración das empresas familiares e non familiares que forman parte de Ibex-35 chegouse á conclusión de que en ambas a presenza feminina é realmente baixa. Dos 447 postos de conselleiros existentes, soamente o 20% corresponde a mulleres”, recolle o traballo. Por último, Anabel Manso recibiu un accésit polo seu traballo Estudo da relación entre custo de produción, prezo de venda e calidade percibida do viño, titorizado por Ernesto López-Valeiras. Este traballo aborda a relación existente entre os custos de produción, o prezo de venda e a calidade percibida dos viños novos tintos Mencía e Garnacha da Denominación de Orixe Ribeiro. Entre os resultados apúntase que “os custos de produción non determinan o prezo de venda do viño” e que “o prezo inflúe sobre a calidade percibida dos viños”, sendo as mulleres “máis sensibles ao efecto do prezo que os homes”.