DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrarase unha sesión extra, con 20 prazas, debido ao alto interese da comunidade universitaria

Os workshops de Matlab enchen as prazas nun día

Os obradoiros serán os días 23, 27, 29 e 30 de novembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI 13/11/2018

A nova versión R2018b do programa Matlab, un software para persoal enxeñeiro e científico dispoñible gratuitamente para toda a comunidade da UVigo, ten moito que ensinar ao alumnado do campus. Así o pensan as máis de 80 persoas que encheron as prazas dispoñibles dos obradoiros impulsados por Matlab & Simulink, un grupo de traballo da Universidade que se ocupa de organizar eventos de Matlab nos campus. O obxectivo destes talleres é ensinar o procesamento e análise das imaxes en vivo a través da Raspberry Pi, unha placa computadora do tamaño dunha tarxeta de crédito. 

Co apoio de MathWorks, empresa que desenvolve Matlab, organizáronse catro workshops os días 23, 27, 29 e 30 de novembro pero alta demanda fixo que se cubrirsen as prazas en menos de 24 horas dende que se abriu o período de inscrición. Deste xeito, a organización decidiu ampliar o programa e organizar unha quinta sesión, aumentando así 20 prazas máis. Deste xeito, serán un total  de 100 as persoas as poderán participar nunha das cinco sesións do Workshop da Raspberry Pi, que ensinará ao alumnado vigués a manexar un dispositivo empregado a escala global para a posta en marcha de solucións industriais de toda índole. As e os participante poderán tamén “analizar imaxes tomadas en tempo real no mesmo obradoiro para estudalas xeometricamente, analizar as funcións e detectar os parámetros relevantes para aplicacións de Deep Learning como centroides ou límites para detectar figuras e obxectos”, sinala Alejandro Castillo, estudante de Enxeñería Industrial e membro do grupo de traballo Matlab & Simulink.

Os obradoiros desenvolverase nas dúas sedes da Escola de Enxeñería Industrial, cidade e campus, en horarios e días diferentes para “facilitar a asistencia”, explican dende Matlab & Simulink. As actividades realizarase ao longo do mes de novembro en xornadas únicas de catro horas. Na sede campus da EEI serán os días 27 ás 09.00 h e 29 ás 16.00 h. A sede cidade acollerá tres sesións diferentes, os días 23 e 30 ás 16.00 h, e a nova sesión con prazas dispoñibles será o 30 en horario de mañá ás 10.00 h.
Os talleres están destinados a toda a comunidade universitaria viguesa, dende alumnado ata profesorado e teñen carácter gratuíto. Debido a alta demanda de participación, “crearase unha lista de reserva por orde de solicitude para que non quede ningún oco baleiro a última hora”, amplía Castillo.

Diferentes actividades para toda a comunidade universitaria

Estes workshops enmárcanse dentro do conxunto de actividades que organiza o grupo de traballo da Universidade de Vigo Matlab & Simulink. Ao longo deste primeiro cuadrimestre puxéronse en marcha diferentes eventos coma o curso inicial de Matlab de nivel básico (Matlab Onramap), unha práctica 00 sobre Matlab de cara a preparar ao alumnado de segundo curso da materia de Automática e Control Industrial da Escola de Enxeñería Industrial e un evento coa colaboración de profesorado da propia escola sobre termografía aplicada a Matlab.