DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Ernesto López-Valeiras é un dos seus autores

Os XIII Premios Sanfi distinguen un estudo sobre a educación financeira de emprendedores e emprendedoras

Os galardóns están organizados polo Santander Financial Institute

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Investigación
DUVI Ourense 04/03/2020

Os XIII Premios Sanfi, convocados polo Santander Financial Institute, veñen de distinguir un proxecto sobre a educación financeira de emprendedores e emprendedoras, asinado entre outros polo profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo Ernesto López-Valeiras. “O noso estudo céntrase na comprensión dos efectos da alfabetización financeira e o control de xestión no rendemento e supervivencia de pequenas empresas emerxentes”, comenta o docente do campus de Ourense.

O proxecto, titulado Endebedamento, coñecemento financeiro e mentoring: efectos na innovación e a supervivencia das empresas incubadas, acadou concretamente o galardón na categoría de Axudas á Investigación para Novos Investigadores, dotada con 12.000 euros. Ademais de López-Valeiras forman parte do equipo galardoado Jacobo Gómez, da Universidad Autónoma de Madrid, e Beatriz García, da Universidad Carlos III. Este traballo, indican os seus autores, enmárcase nunha liña de investigación sobre emprendemento, utilización de sistemas de contabilidade e control xestión e rendemento organizativo que desenvolve un equipo formado por persoal investigador de universidades de España, Chile e Reino Unido.

Decisións pensando no futuro

Segundo explica López-Valeiras, o traballo galardoado nos premios, que contan co apoio do Banco Santander, a Universidad de Cantabria e a Fundación Uceif, pretende “mellorar a comprensión de como as características organizativas e as eleccións que se toman nas primeiras etapas da vida da empresa teñen consecuencias importantes nos resultados e supervivencia das propias organizacións”. No traballo, indica, “expomos que, para emprendedores altamente endebedados, a formación financeira e o consello dos mentores axuda a mellorar as condicións de financiamento, así como a valorar con máis precisión a viabilidade dos diferentes proxectos nos que incorren”.

Para os emprendedores e emprendoras, comentan os autores do traballo, comezar unha nova empresa "pode ser moi difícil". Así, indican, "os recursos financeiros así como os coñecementos destes emprendedores, sobre todo os que emprenden por necesidade, son a miúdo deficientes". Ademais, engaden, "é habitual que carezan da credibilidade necesaria para obter estes recursos externamente". Froito destas dificultades, detallan os investigadores, "a taxa de supervivencia a cinco anos das novas empresas é inferior ao 50% de promedio, e dez anos despois da súa posta en marcha só o 10% das empresas permanecen no mercado".

“Cremos que o estudo da alfabetización financeira dos emprendedores é un tema moi relevante hoxe en día”, recalca o profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Os traballos desenvolvidos nesta liña de investigación polo equipo galardoado, indica, “xa recibiron o apoio de recoñecidas institucións, como a Asociación Iberoamericana de Control de Xestión e a Fundación de Caixas de Aforro” e neles suxírese que a falta de habilidades de xestión, incluíndo a escasa educación financeira, reduce a posibilidade de éxito da actividade empresarial. Neste contexto, comenta Ernesto López-Valeiras, a xestión financeira figura como unha das competencias xerenciais críticas na creación e desenvolvemento dunha nova empresa. “Os emprendedores participan habitualmente en actividades de toma de decisións relacionadas coa adquisición, asignación e utilización de recursos. Estas actividades xeralmente teñen consecuencias económicas e financeiras e, por tanto, para ser efectivas os emprendedores deben ter coñecementos financeiros”, detalla o investigador.

Os bos resultados acadados nesta liña de investigación, comenta López-Valeiras, animoulles a seguir profundando en aspectos novos respecto de traballos previos, como por exemplo a existencia de nesgos cortoplacistas e as decisións de investimento e financiamento neste tipo de empresas. “Cremos que esta achega innovadora do noso traballo foi algo que tivo un peso significativo na concesión do premio”, apunta o profesor. O galardón recibido, indica, “supón un estímulo para seguir avanzando no coñecemento do papel da alfabetización financeira nunha contorna de emprendemento”.