DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha reunión coa vicerreitora do campus de Ourense

Os xogadores de rugby comparten coa comunidade universitaria o último trofeo acadado

Os equipos de xadrez e fútbol gaélico continúan as súas competicións de liga

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 28/03/2023

Nos XXV Campionatos Galegos Universitarios de Deportes Colectivos, celebrados en Lugo os días 7 e 8 de marzo, a Universidade de Vigo gañou, entre outras modalidades, na de rugby 7. Dos nove xogadores que formaban o equipo que representou á institución académica, seis pertencen ao Campus Universitario Ourense Rugby Club e veñen, acompañados pola directiva deste club, de reunirse con Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, e Mónica Villanueva, directora de área deste campus, para presentarlle o trofeo acadado e compartir a súa satisfacción polos resultados acadados coa comunidade universitaria.

Tamén no eido deportivo, os diferentes equipos do campus de Ourense que esta tempada participan na Liga Galega de Xadrez por equipos disputaron a fin de semana a quinta xornada de competición, agás o Universitario de Ourense A que descasou. Así, en segunda división, o Universitario de Ourense B perdeu en Pereiro de Aguiar contra Xadrez Ourense E, con vitoria de Manuel Álvarez, táboas de José Jaime Gonzalez-Viso e derrotas de Adrián González e Favio Fuentes. O Universitario de Ourense C tamén perdeu na súa visita á Casa da Xuventude contra Ateneo de Ourense, con  táboas de Nuel Vázquez, Rodrigo Arias e Alberto Martínez e derrota de Sergio de Soto.

Por último, en fútbol gaélico, na liga galega este sábado o equipo feminino do Auriense Campus da Auga FG gañou no Campo da Etea (Vigo) ao equipo de Independiente FC cun resultado final de 4-8 (20) vs 7-7 (28). Ademais, o equipo masculino disputou o primeiro encontro na competición do All-Galicia da Asociación Galega de Fútbol Gaélico. No seu desprazamento a terras coruñesas, acadaron un resultado final de Auriense Campus da Auga FG 5-14 (29) vs 4-21 (33) Fillos de Breogán FG.