DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Durante tres días competiron en cinco modalidades

Os Xogos Galaico Durienses reuniron non campus a case 200 deportistas e persoal técnico de cinco universidades

A Universidade de Porto foi a primeira clasificada xeral e a UVigo a segunda

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Estudantado
  • Internacional
  • Deportes
DUVI Ourense 28/11/2024

Desde este martes, o campus de Ourense acolleu a celebración dos XXXV Xogos Galaico Durienses. A cita reuniu a case 200 deportistas e persoal técnico das universidades lusas de Porto, Tras os Montes e Alto Douro (UTAD) e Minho e das universidades galegas de Vigo e Santiago de Compostela (USC). Nun ambiente de sa competición e convivencia, alumnas e alumnos competiron en cinco modalidades deportivas.

O edificio Politécnico do campus acolleu este xoves a entrega de galardóns dos xogos, nun acto no que participaron Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Manuel González, xefe do Servicio Provincial de Deportes de Ourense, e Diego Enrique Álvarez, asesor de Política Deportiva da Deputación de Ourense. Na clausura destacouse o bo desenvolvemento da cita, cuxa organización, que é rotatoria entre as universidades participantes, este ano recaeu na Área de Benestar, Saúde e de Deporte da UVigo.

Desde a organización dos xogos salientouse o bo ambiente de convivencia que houbo durante cada xornada e o correcto desenvolvemento de cada unha das competicións, poñendo en valor a oportunidade que dan estes xogos de estreitar cada ano as relacións entre as institucións académicas participantes e os seus membros. Igualmente, puxeron de relevo a importancia do fomento dos valores do deporte entre a comunidade universitaria e a cidadanía.

Resultados

Nesta edición dos Xogos Galaico Durieses, que se veñen desenvolvendo desde 1993, cada unha das cinco universidades estivo representada por 37 deportistas e un xefe ou xefa de expedición. Na clausura entregouse un trofeo conmemorativo da súa participación á primeira universidade clasificada en cada modalidade deportiva e outro trofeo a cada institución académica polos seus resultados no cómputo xeral. En conxunto, a Universidade de Porto foi a primeira clasificada, a UVigo a segunda, a UTAD a terceira, a USC a cuarta e a de Minho a quinta. En rugby 7 masculino, voleibol feminino e natación mixta a gañadora foi a delegación de Porto. En baloncesto mixto 3X3 gañou a Universidade de Vigo. Por último, en pádel mixto, que foi a única modalidade que se xogou fóra das instalacións deportivas do campus, concretamente en Padel Prix Ourense (entidade colaboradora nesta edición), o podio foi para a Universidade de Santiago de Compostela.

Como novidade na programación, este xoves, grazas á colaboración de DCA Ourense. Asociación de Dano Cerebral Adquirido, tivo lugar unha actividade de xogo inclusivo a través do deporte da boccia, un xogo adaptado, similar á petanca, exclusivamente paralímpico e destinado ás persoas con parálise cerebral, lesión cerebral ou discapacidade física severa. Na actividade, membros da asociación compartiron xogo con deportistas das cinco universidades participantes.