DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As xornadas terán lugar no Edificio de Ferro e no Liceo de Ourense

O"Simposio Internacional Carlos Casares" reivindica a obra e o tempo do autor

Remata o vindeiro sábado

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 13/12/2007

O Edificio de Ferro acolleu a inauguración do Simposio Internacional Carlos Casares que se desenvolverá ata o vindeiro sábado nas dependencias do campus e do Liceo de Ourense, para analizar e promover a investigación sobre a obra e o tempo do autor. Organizado pola Fundación Carlos Casares e apadriñado polas 3 universidades galegas, o acto contou coa presenza da súa viúva, Kristina Berg, e do seu fillo, Hakan, ademais de numerosos amigos e admiradores entre os que se atopaba Xose Carlos Sierra, delegado provincial da Consellería de Cultura.
Pedro Blanco, xerente da Fundación foi o encargado de abrir a xornada agradecendo a asistencia a todos os presentes e explicando que o Simposio ten dúas sedes, a Facultade e o Liceo, porque, como explicou “a figura de Casares está tan vencellada á cidade de Ourense que un acto destas características non podía deixar fóra ao público sen intereses académicos”. Precisamente alí estará instalada ao longo do simposio unha exposición acerca da vida e obra do escritor ourensán.

A presenza das 3 universidades galegas

Acompañando a Pedro Blanco na tarefa de inaugurar o Simposio estiveron tres profesoras compoñentes do comité organizador e representantes das universidades de Galicia. Por un lado, Camiño Noia, da Universidade de Vigo, que destacou a “presenza do autor entre os máis lidos pola forza da súa obra e a importancia do que representou, por ter un lugar no mundo narrativo europeo co que estaba moi en contacto sen distanciarse do galego”. Pola súa banda, Olivia Rodríguez, da Universidade da Coruña, adiantou a asistencia ás xornadas de Víctor Freixanes, substituto de Casares ao fronte da editorial Galaxia e na Real Academia Galega. 
Pola súa banda a  representante da Universidade de Santiago, Dolores Vilavedra comentou que a “idea de organizar a parte académica das xornadas por medio dunha comisión coas tres institucións academicas foi froito do afán de ser fieis ao espírito integrador de Carlos, de sumar, non de restar”. Expresou tamén o seu desexo de reivindicar a súa obra literaria, fundamental na historia da literatura galega, e que trala súa morte hai cinco anos “quedou desviada da atención en favor da faceta de home público e dinamizador da actividade cultural que foi”. Vilavedra foi a encargada de presentar ao primeiro relator, Marcos Valcárcel, un investigador comprometido co Ourense literario a través dos seus autores máis representativos entre os que destacan Otero Pedrayo, Vicente Risco, Blanco Amor e como non, o propio Casares co que comparte a súa fascinación polo xornalismo galego. A súa misión foi facer unha achega global e centrar a figura de Casares nese Ourense literario que conseguiu volver universal.
No programa buscouse o equilibrio de nomes entre os profesores e coñecedores da vida e obra de Casares e a carón deles a presenza de novos investigadores que se inician na súa obra.

Cambios no programa

Para evitar desprazamentos, a primeira conferencia do sábado pola mañá que tiña previsto realizarse no campus mudará de escenario e trasladarase ao Liceo polo que toda a xornada terá lugar alí.
Ademais, aínda que non aparece no programa, a profesora da Universidade de Vigo e natural de Ourense Luisa Blanco, falará durante a tarde do xoves da súa experiencia como amiga dende a infancia de Carlos Casares e da súa última novela.

A Fundación Carlos Casares

A Fundación Carlos Casares é unha entidade sen ánimo de lucro creada en 2002 por familiares e amigos do escritor coa vocación de ser un espazo para a reflexión cívica e as actividades culturais animadas polo espírito que inspirou a vida e obra de Casares. Os seus obxectivos básicos son velar polo estudio e a difusión da súa obra, así como continuar coa súa biblioteca, normalizar a lingua e a cultura de Galicia e mediar entre ela e a cultura universal. Para a realización destes proxectos promove diversos programas de actividades e anima a labor dos seminarios, grupos de traballo e centros de estudo.