DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celébrase ata o 30 de setembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel

Ourense acolle unha nova edición do Curso de Medios Audiovisuais

No marco do festival internacional de cine OUFF

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 27/09/2021

Este luns arrancou no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense o Curso de Medios Audiovisuais (Cemac 2021), que nesta ocasión traslada a súa celebración de Celanova á cidade das Burgas. Unha vintena de persoas participan do 27 ao 30 de setembro nesta cita, que por primeira vez se desenvolve ao abeiro do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) e na que se as e os asistentes poderán coñecer de primeira man as últimas producións audiovisuais galegas.

O curso está promovido pola Fundación Carlos Casares, a Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Concello de Celanova, a Deputación Provincial de Ourense e conta coa colaboración de Agadic. Baixo a dirección dos profesores de Comunicación Audiovisual da UVigo Miguel Anxo Fernández e Paulino Pérez, a actividade leva por título nesta ocasión Rodado en Ourense. Desafíos do audiovisual galego. Na inauguración este luns da actividade, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, salientou deste curso que segue a filosofía da programación dos cursos de extensión universitaria do campus de Ourense de “abrir a universidade cara o exterior” e que “é un exemplo de como facer as cousas en colaboración”.

Do Cemac, Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, subliñou que este ano se celebra "do brazo" do Festival Internacional de Cine de Ourense mentres que Francisco Javier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares, recalcou como leva desenvolvido “durante 17 anos unha programación importante”. “A forza que ten este curso é a implicación entre audiencia e creadores”, engadiu Paulino Pérez, que destacou a dificultade de sacar adiante este tipo de iniciativas debido no contexto actual.  

Público e producións

A actividade lévase celebrando en Celanova dende o ano 2004, coa única excepción do ano pasado por mor das medidas de loita contra a covid-19. Despois do paréntese de 2020, a iniciativa volve á palestra cunha edición ao abeiro do Festival Internacional de Cine de Ourense e mudando a súa programación para a cidade das Burgas. A edición deste ano continúa a liña temática iniciada hai 17 anos co curso Cine e Literatura. Casares e o Cine e reunirá a especialistas e profesionais do sector e público para disertar ao redor das súas diferentes disciplinas e das súas producións. Así, ao igual que en edicións anteriores, a programación achegarase ás últimas producións audiovisuais galegas de man de membros dos seus respectivos equipos, sendo nesta ocasión protagonistas as producións Melancolía, Live is Life, Cuñados e Valentina.

Tamén se celebrará, por décimo ano, o Taller Audiovisual Plató de Ficción, baixo a dirección do profesor Paulino Pérez e no que alumnado de Comunicación Audiovisual da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da UVigo produce unha peza audiovisual. O taller, sinalan os seus responsables, realizará a súa peza audiovisual número once rodando en Celanova, tal e como fai dende 2010 e coa única excepción do ano pasado debido á pandemia.