DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa forma parte do proxecto de especialización do Campus da Auga

Ourense acollerá o 18 e 19 de setembro o III Simposio Internacional de Termalismo e Calidade de Vida

Celebrarase no marco da feira Termatalia 2019

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Saúde
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Ourense 31/07/2019

Os días 18 e 19 de setembro Ourense acollerá a celebración do III Simposio Internacional de Termalismo e Calidade de Vida, iniciativa bianual que forma parte do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. A cita celebrarase unha vez máis no marco da feira Termatalia, que terá lugar do 19 ao 20 de setembro en Expourense.

O simposio conta coa organización xunto á Vicerreitoría do Campus de Ourense do Concello e a Deputación de Ourense e Expourense. A iniciativa, indican desde a súa organización, xorde como unha proposta coa que se pretende “consolidar un evento científico de gran relevancia que permita incrementar o potencial de desenvolvemento do proxecto de especialización do Campus da Auga pero tamén o desenvolvemento termal da provincia e a cidade de Ourense”. As augas mineromedicinais e termais, detallan, constitúe unha área de alto interese científico dentro dos ámbitos de especialización do Campus da Auga e Ourense destaca á súa vez por ser unha das provincias con maior tradición termal e de balnearios da península.

Como presidenta do comité organizador, Ana Mª Torrado, directora do Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus da Auga, sinala como este “encontro internacional obedece por unha banda á estratexia de internacionalización do campus e por outra cumpre un dos seus propósitos de achegarse ao sector socioeconómico, grazas neste caso á súa celebración en paralelo con Termatalia”. Recalcando como esta cita “é xa un referente do Campus da Auga”, Ana Mª Torrado destaca como o simposio “significa pór en valor o que se está facendo no campus e na universidade no eido do termalismo, tanto en relación coa calidade de vida e o benestar como co turismo e a economía, e coñecer o que se está facendo fóra, para poder así avanzar, establecer colaboracións e adquirir máis coñecemento”.

Catro áreas temáticas

O III Simposio Internacional de Termalismo e Calidade de Vida está organizado ao redor de catro áreas temáticas. A primeira delas é a de caracterización e aproveitamento de augas mineromedicinais e termais, abranguendo desde a análise e control de calidade das augas termais ata o seu marco xurídico e administrativo. A segunda é a de benestar e saúde, achegándose a temas como os resultados terapéuticos das augas mineromedicinais. O turismo termal é outro dos eixos elixidos, afondando en temas como a súa planificación e a xestión de centros termais. Por último, a investigación e a innovación tecnolóxica en termalismo é outra das áreas que se abordarán nesta cita, achegándose a cuestións como a aplicación das TIC ou os novos materiais.

Entre os obxectivos do evento están crear un foro de encontro de profesionais e persoal investigador estatal e internacional interesado na temática da auga e en especial do termalismo que permita establecer sinerxías entre o mundo académico científico e o sector da empresa. Facilitar a actualización e estimular o coñecemento neste eido; fortalecer os contactos entre institucións e equipos de investigación interesados e pór en valor o potencial científico, económico, patrimonial e turístico da cidade e a provincia de Ourense como referente internacional en materia de termalismo son outros dos retos desta iniciativa.