DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Contará coa participación de preto de 150 investigadores brasileiros e españois

Ourense acollerá en abril o III Congreso Euroamericano de Dereito e Política

Esta edición prestará especial atención á empresa e ao desenvolvemento sostible

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Democracia
  • Internacional
  • Investigación
DUVI Ourense 21/01/2019

O campus de Ourense acollerá os días 23, 24 e 25 de abril de 2019 o III Congreso Euroamericano de Dereito e Política. A cita, organizada pola Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo, en co-organización co Programa de Pós-Graduação em Direitos, Instituições e Negócios da Universidade Federal Fluminense de Río de Janeiro, reunirá arredor de 150 investigadores e investigadoras dun e doutro país.

O Congreso Euroamericano de Dereito e Política, explican os seus promotores, “é o resultado do comprometido labor conxunta de investigadores da Universidade Federal Fluminense coa Universidade de Vigo, coa intención de ampliar o diálogo sobre intereses comúns, promovendo a aproximación académica e científica e propiciando unha mellor comprensión do contexto social en realidades de orixes estruturais conexas”. A cita, recalcan, pretende ser un foro de discusión e intercambio de experiencias das realidades transatlánticas, sobre temas de influencias directas nas áreas socioeconómicas e políticas dos dous continentes.

O comité organizador está formado por parte da Universidade de Vigo por Guillermo Suárez, catedrático de Dereito Romano e Sistemas Xurídicos Comparados; Antón Lois Fernández, profesor doutor da Área de Ciencia Política e da Administración, e Clara Isabel Fernández, profesora doutora da Facultade de Ciencias da Educación. Por parte da Facultade de Dereito da Universidade Federal Fluminense participan neste comité Edson Alvisi Neves, catedrático; Gilvan Luiz Hansen, profesor titular, e Marcella da Costa Moreira, bolseira de predoutoramento.

Empresa e sustentabilidade

Nesta terceira edición o evento centrarase no estudo e análise das institucións xurídicas e políticas dos continentes americano e europeo, pondo unha énfase especial nos recursos que a empresa, como institución social, pode viabilizar para o desenvolvemento humano. “Trátase, en definitiva, de examinar o impacto das políticas, públicas ou privadas, e das achegas xurídicas no seu intento por avanzar na consolidación dun progreso económico compatible coa sustentabilidade do planeta, que priorice e beneficie o desenvolvemento humano”, sinalan desde a organización do evento. Neste contexto, o congreso pretende ser, engaden, “un campo de análise e de diálogo sobre cuestións que relacionen a actuación dos poderes públicos e das institucións xurídico-políticas en xeral co cumprimento e o traballo en favor destes obxectivos”.

Dentro deste marco de traballo, comentan desde a organización do congreso, o campus de Ourense “é un campus líder en temáticas relacionadas coa auga, con capacidade para expandir a súa plataforma de investigación e innovación, todo iso en relación directa e inmediata co obxectivo da sustentabilidade”. Polo tanto, sinalan, a celebración deste congreso no Campus da Auga “aumenta a potencialidade, as sinerxías, os recursos e os resultados que poidan derivarse do traballo conxunto dos investigadores participantes neste encontro científico”. Así, a cita inclúe entre os seus obxectivos aproveitar a estrutura académica e investigadora do Campus da Auga para promocionar os estudos sobre "este elemento indispensable no desenvolvemento sustentable" e potenciar a singularidade do Campus da Auga en todos os centros académicos con representación no evento.

Consolidación

Na súa terceira edición, as entidades promotoras da iniciativa agardan consolidar este congreso, que sinalan atrae non só a persoal investigador de Brasil e España, senón tamén de países Iberoamericanos e Portugal, e continuar avanzando na relación de colaboración establecida entre as dúas universidades organizadoras. Froito da posta en marcha deste congreso, apuntan, na actualidade seis estudantes da Universidade Federal Fluminense de Río de Janeiro están a realizar o seu doutoramento na Universidade de Vigo, estase a desenvolver un proxecto de investigación conxunto e profesorado da Universidade de Vigo ten sido convidado á institución académica brasileira.