DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita terá lugar na Facultade de Dereito do 26 ao 28 de novembro

Ourense acollerá o V Coloquio Binacional México-España

A delegación latinoamericana ascenderá a unha trintena de persoal docente e investigador

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Democracia
  • Internacional
  • Visitas
  • Investigación
DUVI Ourense 22/11/2018

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acollerá do 26 ao 28 de novembro o V Coloquio Binacional México-España. A Universidade Autónoma de México (Unam) escolleu este centro para a celebración dunha iniciativa que pretende pór en interacción persoal docente e investigador dun e doutro país no eido xurídico. A cita, que contará coa participación de arredor de medio centenar de relatoras e relatores mexicanos e españois, estará centrada na temática da xestión de conflitos no estado de dereito.

“É unha honra para a Universidade de Vigo que o centro de posgrao en materia xurídica da Unam, a universidade máis importante de México tanto en cantidade de alumnado como en prestixio, nos escollese para celebrar este evento”, comenta Pablo Raúl Bonorino, profesor da Universidade de Vigo director académico deste V Coloquio Binacional Mexico-España xunto á representante da Unam Abril Uscanga Barradas. Esta elección, apunta Bonorino, “amosa como a Universidade de Vigo está no mapa da filosofía do dereito” e “recoñece de certo modo todo o traballo que ano tras ano vimos realizamos no eido da filosofía do dereito” con proxecto estatais de investigación e iniciativas como a revista InterseXiones ou o ciclo Pensar o Cine. Todas estas accións, destaca o profesor da Facultade de Dereito, implican a moitas e moitos  investigadores e profesionais de procedencias moi diversas “e agora recollemos os froitos de ir tecendo pouco a pouco toda esa rede de relacións”.

Exposición de traballos e conferencias maxistrais

Concretamente o V Coloquio Binacional México-España contará coa participación de aproximadamente 25 investigadoras e investigadores tanto de predoutoramento como de posdoutoramento e oito profesores e catedráticos da Unam. Pola parte española a cifra de persoal docente e investigadores e xuristas ascende a unha vintena. A temática elixida pola Unam para este quinto encontro é a xestión de conflitos no estado de dereito. “Escolleuse esta temática, o suficientemente ampla como para fomentar a participación de investigadores dos dous países, dada a preocupación e interese que hai na consolidación do estado de dereito en México fronte a segmentos de alegalidade ou ilegalidade”, comenta Pablo Raúl Bonorino.

O programa inclúe dous tipos de sesións diferentes, unha centrada na exposición por parte do persoal investigador de predoutoramento e posdoutoramento dos seus traballos e outra dedicada a conferencias maxistrais nas que participarán catedráticos e profesorado tanto da Unam como da Universidade de Vigo. Entre as investigación procedentes de México expostas estarán traballos sobre a boa administración como un dereito humano; a xustiza tradicional nese país; a corrupción no manexo da industria petroleira como causa de conflitos que quebrantan o estado de dereito e os tribunais constitucionais estatais e federalismo xudicial. As temáticas das conferencias maxistrais serán igualmente diversas, abranguendo cuestións como a arbitraxe e solución de controversias nos tratados comerciais internacionais asinados por México; os intereses económico e o estado de dereito; os novos medios de solución de conflitos antes de chegar a tribunais; a importancia dos tribunais na xestión de conflitos familiares cando existe o síndrome de alienación parental e o papel da universidade no estado de dereito.