Alumnado de Empresariais e Turismo participa cada ano no programa da cadea Riu
De Ourense ao Caribe para facer carreira directiva no sector turístico
Catro son os estudantes que proximamente se incorporarán en prácticas a hoteis de Xamaica e México
Entre as entidades coas que a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense conta cunha dilatada traxectoria de colaboración desde hai máis dunha década está Riu Hotels&Resorts. Cada curso académico, catro ou cinco dos seus estudantes de grao son seleccionados para participar no plan de carreira que ten a cadea hoteleira para captar e formar aos seus cargos de dirección. Así, na actualidade arredor dunha trintena dos seus directivos e directivas no Caribe foron formados na facultade ourensá. Nas vindeiras semanas e ao abeiro deste programa, catro estudantes de Administración e Dirección de Empresas deste centro incorporaranse en prácticas a hoteis de Xamaica e México.
O plan de carreira desta cadea, que conta con arredor dun centenar de hoteis nunha vintena de países, comeza coa realización por parte do estudantado de seis meses de prácticas remuneradas e continúa, pasando sucesivos filtros, coa súa contratación como subdirector ou subdirectora júnior. Comeza así unha traxectoria profesional que pode continuar logo cunha subdirección sénior e finalmente coa dirección hoteleira. Tralo proceso de formación en prácticas, indican desde a facultade, en arredor do 85% dos casos Riu proponlle ás e aos estudantes un contrato laboral como subdirectores júnior en Centroamérica.
“Para a nosa facultade é un orgullo que alumnado do noso centro poida participar nun programa así, dun cadea española de ámbito internacional que lle permite coñecer de primeira man a realidade do sector turístico nun ambiente multicultural”, sinalan desde Ciencias Empresariais e Turismo. As prácticas que ofrece no seu inicio este plan de carreira ao alumnado, indican, “son clave para completar a súa aprendizaxe e formación e poder desenvolver e pór en práctica os coñecementos, habilidades e destrezas adquiridos durante os seus estudos na nosa facultade”.
Vivir unha experiencia internacional
Catro estudantes son os seleccionados este curso. Trátase de Rodrigo Míguez, Carmen Campos, Natalia Feijóo e Sheila Otero, alumnado de quinto e sexto curso do programa conxunto da Universidade de Vigo dos graos de Administración e Dirección de Empresas (que se imparte na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo) e Dereito. Farán as súas prácticas en hoteis da citada cadea nos tres primeiros casos en Xamaica e no último deles en México, estando na actualidade ultimando os trámites precisos para a estadía no estranxeiro e poder incorporarse nas vindeiras semanas. “Sempre tiven curiosidade por coñecer o sector hoteleiro e esta pareceume unha oportunidade única para vivir, de enriquecemento tanto persoal como laboral”, explica Carmen Campos.
Pola súa banda, Rodrigo Míguez destaca que no seu caso decidiu participar nesta iniciativa tendo en conta que se trata “dunha cadea de prestixio” e que lle dá “a oportunidade de seguir formándome e abrir novas oportunidades laborais” ao mesmo tempo que vive unha experiencia internacional. Ademais, engade, “son bastante aventureiro e gústame a idea de vivir noutros países”. Comparte estas boas expectativas Natalia Feijóo, que solicitou facer estas prácticas “porque quería irme fóra e pareceume unha boa oportunidade para darlle ese punto de vista internacional ao meu curriculum. Eu nunca me prantexara antes dirección hoteleira pero as cousas hai que probalas para saber che gustan ou non”. Vivir unha experiencia internacional como a que van a ter, destaca tamén Sheila Otero, “é moi atractivo” e supón unha ocasión “para ver algo de mundo” mentres adquires formación e experiencia laboral.