DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle este xoves e venres unha xornada sobre o modelo de cidades educadoras

Outra escola é posible

A cita conta coa asistencia de 300 estudantes e profesionais

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 30/03/2017

300 estudantes e profesionais do eido educativo e social danse cita este xoves e venres no campus de Ourense nas xornadas A educación dende o compromiso co territorio. Achegamento á experiencia de Óbidos, organizadas polo CIFP Portovello e a Facultade de Ciencias da Educación deste campus. O seu obxectivo é, tal e como se recalcou no seu primeiro día de sesións, afondar “na outra escola que é posible” tomando como modelo as cidades educadoras e máis concretamente a experiencia da vila lusa de Óbidos.

A idea de realizar estas xornadas, explicou Xosé Manuel Cid, membro da organización e vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, xurdiu froito da relación existente entre a facultade e o CIFP Portovello, do que procede parte do seu alumnado, e da relación que á súa vez ten este centro de formación profesional co sistema educativo de Óbidos a través de prácticas de estudantes. O exemplo da cidade lusa, apuntou o vicedecano, resulta moi acaído para abordar o fenómeno das cidades educadoras, nado en 1990 en Barcelona e que na actualidade abrangue 482 cidades situadas en 36 países. “Óbidos é un exemplo interesante porque nel dáse unha forte aposta pública pola educación, que se manifesta en temas como a autonomía educativa”, sinalou Xosé Manuel Cid. Para a escola, apuntou Cid, o modelo de cidade educadora supón “ampliar tempos, espazos, recursos, axentes... abrila a un diálogo permanente coa vida real dos estudantes”. Deste xeito, detallou, a escola ábrese a prazas, bibliotecas, patios e todo tipo de espazos da cidade e implica non só á comunidade educativa senón tamén ás familias e ás comunidades.

Para explicar como se materializa esta transformación educativa en Óbidos, no primeiro día das xornadas, Ana Sofía Godinho falou sobre a identidade educativa nesa cidade lusa, e Joao Jorge, Pedro Basilio e Sabina Silva explicaron o uso nela de talleres como ferramenta de intervención educativa e comunitaria. Eles mesmos serán os encargados de ofrecer esta tarde no CIFP Portovello pílulas deses obradoiros. A visión sobre o modelo educativo de Óbidos completarase con achegas de Fátima Santos sobre as dinámicas socio-construtivas na educación de infancia e de Rebeca Penedo e Camina Vyeites sobre o Jardim de Infancia do Arelho. As sesións continuarán mañá venres cun faladoiro con representantes de diferentes universidades, do Instituto Politécnico de Braganca e da Cámara Municipal de Óbidos.

Muller e discapacidade

Alén desta xornada, a Facultade de Ciencias de Educación do campus de Ourense tamén acolleu este xoves a I Xornada de Muller e Discapacidade, organizada por Discafis Cogami. Durante a cita abordouse a situación da muller con discapacidade desde diferentes puntos de vista, coa participación de persoal da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar) e da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami). Durante a cita abordouse a dobre discriminación, a de xénero e da discapacidade, que padecen as mulleres con diversidade funcional. A xornada rematou coa intervención de Rosa Mª Vázquez Estévez, que presentou a súa exposición Muller e natureza. A creadora, titulada en Belas Artes polo Instituto Nacional de Belas Artes de Panamá, explicou ao público asistente como ela foi atopando na pintura un xeito de expresar aquilo que non podía pola súa discapacidade auditiva. Na colección de cadros que se puido ver este xoves no Edificio de Ferro a artista plasmou con diferentes técnicas “as etapas da muller na creación como matriz esencial da vida”, querendo “dar un tributo a todas as mulleres e á natureza, sen as cales non sería posible a vida”.