Investigadoras da UVigo realizan unha guía que pon en valor esta etapa vital
Outra menopausa é posible
O libro cuestiona os prexuízos sexistas e edadistas interiorizados pola sociedade
A menopausa. Un novo rexurdir. Este é o título dunha nova guía realizada por investigadoras do campus de Ourense coa que pretenden incrementar os coñecementos sobre a fisioloxía do climaterio, promover actitudes positivas cara el e contribuír a eliminar as falsas crenzas e os estigmas de carácter sexista e edadista presentes na sociedade occidental ao seu respecto.
O libro está asinado polas investigadoras do equipo de innovación docente Hildegard (Innovación en Sexualidade, Xénero e Saúde) da Universidade de Vigo Yolanda Rodríguez, Rosana Martínez, Evelia Murcia e María Lameiras. Publicado en Andavira Editora, está financiado pola convocatoria para a realización de actividades formativas e de divulgación da UVigo. Con esta iniciativa, sinalan as súas responsables, queren “contribuír ao progreso en materia de saúde, coeducación e igualdade de xénero a través da eliminación de desigualdades e violencias cara as mulleres”, neste caso centrado no tema da menopausa.
Unha perspectiva integral, biopsicosocial e feminista
Nas páxinas da guía, as súas autoras explican que “na nosa sociedade a definición cultural da etapa da menopausa é un paradigma de discriminación sexista e edadista”. Este discurso negativo, detallan, está moi interiorizado e “na linguaxe coloquial cando unha muller na nosa sociedade occidental está a chegar ao período da menopausa etiquétana con moitas expresións que sempre teñen connotacións negativas, que fai que sintamos vergoña de nós mesmas e do noso corpo”.
Neste contexto, a guía quere pór en valor a etapa vital das mulleres que se abre cando chega a menopausa, rompendo coas barreiras dos estereotipos “que limitan a súa vida e liberdade para vivir unha sexualidade satisfactoria”. Para iso, as investigadoras da UVigo apostan por un modelo integral, biopsicosocial e feminista no que a menopausa é considerada un “proceso natural na vida das mulleres que conleva perdas, pero tamén ganancias igual que noutras etapas do ciclo vital” sendo “unha experiencia individual e sociocultural”. É importante, subliñan, “ter unha visión positiva da etapa da menopausa para afrontar esta transición que nos pode levar aos mellores anos da nosa vida” e cuestionar “todos os estigmas e discriminacións que rodean a menopausa”.
Neste senso, as investigadoras explican que “os síntomas da etapa do climaterio non son universais e están fortemente vinculados coa perspectiva sociocultural que teñamos interiorizada da menopausa”. Así, detallan, as mulleres das sociedades occidentais e as de sociedades non occidentais non experimentan igual os cambios físicos e psicoemocionais derivados desta etapa. A razón principal desta diferenza sitúana en que cada sociedade constrúe un sistema diferente de crenzas sobre ela, máis negativo na occidental e máis positivo na non occidental. “As crenzas, as actitudes e a percepción que se ten da menopausa provoca que as mulleres teñamos unha transición diferente nesta etapa. O 80% das mulleres occidentais presentan cambios físicos materializados en suores, sufocacións etc, mentres que o resto de mulleres, de forma maioritaria como as xaponesas ou maias, case non presentan ningunha destas alteracións a nivel físico e ademais mellora substancialmente a súa posición na sociedade”, recóllese na publicación.
Dos conceptos aos consellos
A través dunha protagonista chamada Maroevy, a guía achega coñecementos relacionados coa etapa da menopausa e suscita a reflexión sobre as implicacións e connotacións que conleva na vida das mulleres a partir dos 40 anos. Comeza falando do que é, do seu vocabulario e historia, e continúa abordando o enfrontamento entre a súa visión médica e a súa visión feminista. A publicación fai unha análise desde a perspectiva sociocultural e feminista e aproxímase a como viven esta etapa as mulleres noutras culturas, os cambios durante o climaterio desde a variabilidade de experiencias e as falsas crenzas arredor el. Para rematar ofrece unha serie de claves para afrontar mellor esta etapa, como son o coidado da alimentación, do tempo de descanso, do sono e da saúde mental e a realización de actividade física.
A publicación, cun carácter divulgativo e ameno, está destinada ás persoas interesadas aínda que nace pensando de xeito especial no alumnado de Educación Social e Traballo Social (pois as autoras son docentes destes graos na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense) e aos profesionais do campo socio-educativo. Elas e eles, sinalan as investigadoras da UVigo, “teñen a responsabilidade de promover os dereitos da saúde sexual das mulleres, proporcionar información e educación ao respecto, así como satisfacer as demandas e necesidades de saúde das mulleres a través dun servizo de atención integral e competente”.