DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi elixido este xoves novo decano por 26 votos a favor, 14 en contra, 3 brancos e 1 nulo

Pablo Grande Seara toma o relevo de Francisco Torres á fronte da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo

Exercerá o cargo ata 2031 cun equipo que combina a continuidade con novas incorporacións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
D. Besadío DUVI 12/02/2026

A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo elixiu este xoves ao profesor Pablo Grande Seara como novo decano, en substitución de Francisco José Torres Pérez, que exercía o cargo desde novembro de 2019, os últimos meses como decano en funcións, tras producirse unha primeira convocatoria de eleccións o pasado outono á que non se presentara ningunha candidatura. Finalmente, as eleccións celebráronse este xoves con Grande Seara como único candidato, sendo elixido en Xunta de Facultade por 26 votos a favor, 14 en contra, 3 votos en branco e un voto nulo.

Membro do Grupo de Dereito Procesual e cunha dilatada traxectoria en postos de xestión, Grande Seara estará acompañado na dirección da facultade polas profesoras María Antonia Arias Martínez, como vicedena de Dereito, e Belén Fernández Docampo, como vicedecana de  Relacións Laborais e Recursos Humanos; xunto con Emma Rodríguez Rodríguez como vicedecana de Posgrao e Formación Continúa; Paula Martínez Molares, como vicedecana de Calidade e Acción Titorial, e Pablo Riquelme Vázquez, como secretario. “Pablo Riquelme, Antonia Arias e Belén Fernández, xa formaban parte do actual equipo decanal, ocupando os mesmos cargos, polo que xa teñen unha ampla experiencia”, explicou o xa novo decano.

“Foron varios os factores que me animaron a dar este paso”

Se ben nun primeiro momento non entraba nos seus plans inmediatos presentarse ás eleccións a decano, foron varios os motivos que o animaron a afrontar este reto.  No mes de maio rematara mandato como director do Departamento de Dereito Público e a súa intención era aparcar un pouco a faceta da xestión para poder dedicarlle máis tempo e atención á docencia e á investigación, pero foron moitas as persoas que o animaron a facelo, o que unido aos ánimos e apoios amosados por moitos destes compañeiros/as para que dese ese paso e, “sobre todo, a dispoñibilidade das persoas que conforman o equipo a acompañarme nesta tarefa”, foi o que determinou a súa decisión de presentarse ás eleccións.

“Como digo, foron varios os factores que me animaron a dar este paso, pero o decisivo foi este último, contar cun equipo de persoas da máxima solvencia académica e xestora que estivesen dispostas a acompañarme neste proxecto, algo que, por suposto, lles quero agradecer públicamente”, subliñou o docente, actual coordinador do Máster en Avogacía e Procuradoría en Vigo e Pontevedra e secretario do Programa de Doutoramento en Xestión e Resolución de Conflictos, quen tamén exercera xa como secretario (de 2004 a 2008) e vicedecano do centro (ata 2010, sendo decano Fernando Lorenzo Merino).

Programa “ambicioso”, con propostas a corto, medio e longo prazo

Posto que coa LOSU os cargos académicos coma o de decano/a teñen unha duración de seis anos, exercerá como tal ata 2031, polo que conta cun programa “ambicioso, pero penso que realista, que inclúe propostas a corto, medio e longo prazo”. Tal e como explicou na Xunta de Facultade, o programa estrutúrase en seis eixes:  Calidade académica (en docencia, investigación e transferencia do coñecemento); comunidade universitaria (alumnado, PDI e PTXAS); modelo de xestión participativa e transparente; recursos materiais e infraestruturas; proxección institucional e social, e internacionalización.

“De todos eles, pensamos que o principal é o primeiro, co obxectivo de tender á excelencia académica, garantindo a calidade da docencia, da investigación e da transferencia do coñecemento que se desenvolve na nosa facultade, posto que é a razón de ser da Universidade”, apuntou Grande Seara. Desde o seu punto de vista, a calidade académica debe ser o eixo vertebrador da facultade, pero isto debe facerse sen descoidar a atención á comunidade universitaria e, en particular, ao estudantado, “que debe sentir a facultade coma un espazo de aprendizaxe, pero tamén de participación, acompañamento e pertenza, que lle garanta unha formación sólida, e orientada ao desenvolvemento profesional e persoal, mediante unha docencia esixente pero xusta e ben organizada, unha atención próxima e unha participación activa na vida universitaria”.

Sen descoidar a proxección institucional e internacional

Para o novo equipo decanal, os demais eixos, aínda que poderían entenderse que están nun segundo nivel, non deixan de ser importantes porque constitúen os medios esenciais para posibilitar a consecución dos dous primeiros. “Unha xestión participativa, transparente e corresponsable permite aproveitar o talento colectivo, para tomar as decisións máis acertadas e implementar as melloras necesarias”.  Con respecto á calidade académica (docente e investigadora) consideran que tamén depende en boa medida dos recursos materiais, de contar con espazos axeitados, recursos suficientes e actualizados e contornas de traballo dignas e funcionais. 

Tentarán non descoidar tampouco a proxección institucional e social do centro, a súa conexión coas institucións, os axentes sociais e o tecido produtivo para consolidarse coma un referente académico, investigador e profesional que ten un impacto social na súa contorna. “E, finalmente, ninguén pode negar a importancia da internacionalización”, recalcou o novo decano, ao tempo que fixo fincapé en que nun contexto académico e profesional crecentemente globalizado, a presenza internacional é unha vía esencial para mellorar a formación do estudantado e potenciar a excelencia investigadora. “De aí a importancia de apostar pola  mobilidade e cooperación académica con universidades e centros de investigación de prestixio, a atracción de talento e o fortalecemento de redes internacionais de docencia e investigación”.