DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O cineasta Eloy Enciso guía a dez estudantes na creación de curtas no obradoiro ‘Un camiño posible’

A paisaxe e a memoria do Lérez marcan o camiño que levará ao alumnado ao Festival Novos Cinemas

As pezas finais proxectaranse no Teatro Principal

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Académica
DUVI Pontevedra 14/09/2018

As paisaxes da contorna do río Lérez, pero tamén a memoria, a concepción do espazo como un “contedor de historias”, son os puntos de partida desde os que cineasta Eloy Enciso levará a dez estudantes do campus a crear unha serie de curtametraxes que en decembro se exhibirán no Teatro Principal, dentro da programación do Festival Novos Cinemas. Promovido pola Vicerreitoría do campus xunto co festival e inserido no programa formativo de Novos Cinemas, o obradoiro Un camiño posible, para o que foron seleccionados dez alumnos e alumnas de Ciencias Sociais e da Comunicación e Belas Artes e que este venres celebra a súa primeira sesión, dá continuidade aos talleres coordinados polos directores Lois Patiño e Oliver Laxe e que tiveron tamén na contorna do Lérez o punto de partida para a creación de pezas audiovisuais estreadas neste festival

O vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o codirector de Novos Cinemas Suso Novás acompañaron a Enciso na presentación dun obradoiro que se estenderá ata o 16 novembro e que se completará coa proxección das curtas realizadas polo alumnado na primeira xornada do festival, o 11 de decembro. “Trátase dun taller moi interesante, no que o Lérez é un leit motiv para plasmar en sensibilidade, en emocións, unha forma de entender os espazos, os sons, a linguaxe cinematográfica...”, salientou Soto dunha iniciativa que “queremos seguir fomentando e seguir contando con xente de primeira orde”, coma Enciso, director de filmes como Arraianos, premiada no Bafici de Buenos Aires eo Festival de Cine Europeo de Sevilla, e beneficiario, en 2016, da bolsa Radcliffe da Universidade de Harvard, onde desenvolveu o seu actual proxecto, a longametraxe Longa noite. “A base dun obradoiro como este é que ides estar nun espazo onde as sensibilidades, as competencias e os coñecementos vanse compartir, aínda que desenvolvades un proxecto de natureza individual”, lembrou Novás ao alumnado participante nun taller“que é un complemento á vosa formación, no que ver outras formas de construción discursiva audiovisual”.

Construír con poucos elementos

Partindo da premisa de traballar coa contorna Lérez, Enciso propón neste taller abordar esta idea “dunha forma bastante ampla”, abordando  “o río como un espazo físico, como unha paisaxe”, pero tamén “como un lugar que acumula memoria”. Nese senso, o cineasta convidou ao alumnado a investigar respecto do lugar, achegándolles unha serie de exemplos de historias vinculadas a este territorio, “desde un carteirista que era moi famoso na zona, a guerrilleiros ou un balneario que era moi famoso e que agora é unha ruína”. Nese senso, Enciso tratou tamén, a través de amosar ao alumnado o cinema como un traballo que permite “resucitar e traer ao presente historias que pertencen a esa paisaxe pero que moitas veces están invisibilizadas”. 

A partires de aí, a proposta que Enciso articula en Un camiño posible parte de “traballar con poucos elementos, de ir un pouco contra a tendencia dun discurso hiperfragmentado” e avogar por pezas “con poucos elementos, con poucos cortes”, coa que “ter tempo de ver a imaxe, o plano e a composición”, así como prestar atención ao son, “que é o gran esquecido do audiovisual en xeral”. Trátase, sinala, dun “camiño posible”, que permite ao alumnado achegarse “as orixes da linguaxe” audiovisual nun taller no que as sesións de conceptos básicos e fontes estéticas de setembro se verán complementadas polo traballo a carón do río e o posterior visionado e revisión dos proxectos que o alumnado vaia desenvolvendo nas sesións programadas para outubro e novembro. 

Unha oportunidade para achegar ao público o talento do campus

“O ano pasado vin en Novos Cinemas o traballo que o alumnado realizou con Oliver Laxe e pareceume moi interesante participar nun obradoiro así, polo que este ano non dubidei en apuntarme, tendo en conta ademais que a premisa era descubrir algo da contorna que che leve a pensar unha historia, que era algo me chamaba moito a atención”, salienta Beatriz Pereira, unha das seleccionadas para formar parte deste taller nunha convocatoria aberta a todo o alumnado do campus. Convocatoria na que foron seleccionados seis estudantes do grao en Comunicación Audiovisual, entre os que se atopa tamén Daniel Arana, quen recoñece que a súa principal motivación foi a presenza de Eloy Enciso como docente, xa que “interésame moito o cine que fai”. Coñecer o traballo de Enciso foi así mesmo a motivación de Sara Piñeiro, xunto con ver tamén os traballos resultantes do anterior obradoiro, “que me chamaron moito a atención”. Así mesmo, no taller participan tamén catro estudantes de Belas Artes, como Sol Mussa Juane. “Sempre me interesou o cine, de feito o que fago desde que entrei na carreira ten a influencia do cine”, salienta esta alumna quen recoñece como unha “moi boa oportunidade” poder amosar o traballo final ao público do festival.