DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A arqueóloga portuguesa Lara Bacelar ofreceu un relatorio na Facultade de Historia

A paisaxe na que se atopan os vestixios, fundamental no estudo da arte rupestre

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 20/05/2008

A influencia da paisaxe onde se insire a arte rupestre e das comunidades sociais que a desenvolveron, por riba das súas características formais, centrou a conferencia que Lara Bacelar, unha das maiores especialistas en documentación de arte rupestre a nivel internacional impartiu na Facultade de Historia. A investigadora, asociada do Centro de Investigaçâo Pluridisciplinar - Cultura, Espaço e Memoria no grupo Paisagens, fronteiras e poderes da Universidade de Minho, acompañará ademais este mércores aos alumnos do campus nunha visita pola arte rupestre do sur de Galicia.
Dende unha perspectiva arqueolóxica, e polo tanto afastada dos obxectos e focalizada no home, Lara Bacelar insistiu en que a información que habitualmente se atopa sobre arte rupestre “non pasa de ser descritiva, a penas hai nada sobre as mans que a crearon ou as dinámicas sociais e pensamentos que rexían aos nosos antepasados”.
A pedra como soporte cobra unha importancia vital á hora de conservar os vestixios, de feito o encontro coas rochas é o primeiro paso para que comece o acto da creación. O principal problema da arte rupestre é “que se centra na imaxe e se estuda ao marxe do lugar no que se atopa, coma se fose un cadro plano porque a pedra era considerada un soporte neutro” explicou a investigadora. Sen embargo, nos últimos tempos comprendeuse o seu verdadeiro esplendor “as texturas, as cores, os releves e a íntima relación entre as imaxes e o lugar onde están” engadiu Bacelar. Neste sentido, o traballo de Richard Bradley foi fundamental á hora de establecer a relación entre os petroglifos e os asentamentos onde se localizan. De feito, as pedras son consideradas por algunhas comunidades como elementos con alma, espírito e significado. Son moitas as lendas tradicionais que recollen explicacións menos racionais que as que aportan os arqueólogos a determinadas formacións e gravados.

O caso de Galicia e Portugal

O acceso á tradición oral, perdido en moitos países, segue sen embargo vixente de xeito especial en Galicia e no norte de Portugal, por medio das lendas de mouros. Grazas a elas, a arte rupestre está fixada na memoria colectiva e é perpetuada, mantendo así o seu significado enraizado na sociedade. Pero o noroeste peninsular non é a única rexión do mundo onde isto se mantén, xa que Australia e Noruega, por exemplo, tamén teñen moi presente a súa mitoloxía.
Á hora de estudar a arte rupestre galego-portuguesa, cómpre ter en conta que as imaxes están articuladas nunha superficie, e que o seu espazo orixinario é tan importante como o que representan. “É difícil establecer unha cronoloxía exacta, xa que os expertos sitúan a producción artística entre finais do Neolítico e principios da Idade de Ferro” explicou Lara Bacelar. Ademais, mentres que en Galicia a arte rupestre é bastante homoxénea dentro da súa complexidade, “en Portugal temos dúas tradicións diferentes: a arte atlántica, a mesma que a galega, e a arte esquemática, o que supón a confrontación de dúas formas de pensar” engadiu a investigadora.
Por unha banda, a arte atlántica, común tamén a Irlanda e Inglaterra, caracterízase por estar ao aire libre, en terreos de amplo dominio visual e por representar grandes formas xeométricas abstractas, mentres que a arte esquemática “aparece en lugares de difícil acceso e representan liñas rectas e figuras humanas restrinxidas a puntos específicos do terreo, con algún simbolismo” comentou Bacelar. Sen embargo, a relatora explicou que ambos tipos de arte teñen que ser estudados paralelamente a outros temas culturais dos nosos antepasados e sobre todo, “temos que pararnos a reflexionar e buscar a explicación de por que os realizaban nun lugar e non noutros, o simbolismo oculto da paisaxe” concluíu.