DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escritora Tamara Andrés imparte un taller sobre a creación e transmisión de historias

“Paixón, verdade, transparencia e sinxeleza”, as claves da literatura infantil

A actividade aborda como levar ás aulas os relatos contemporáneos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Lingua Galega
  • Publicacións
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 26/11/2019

Proporcionar ao alumnado recursos e ferramentas “que contribúan a inserir nas aulas a literatura creada no contexto temporal e xeográfico contemporáneo” é un dos obxectivos centrais das dúas conferencias-obradoiro que a escritora e alumna do programa de doutoramento en Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo Tamara Andrés imparte nestes días no campus. Promovida polo Departamento de Lingua Española e coordinada pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Rexina Vega, esta actividade celebrou este martes a súa segunda sesión poñendo o foco na transmisión da literatura nas aulas, despois de afondar, nunha primeira sesión, no proceso de construción dunha historia para crianzas. “Para min son claves a paixón, a verdade, a transparencia e a sinxeleza” recoñece Andrés, que avoga por “escribir só historias que nos definen, que nos marcan e que nos mancan”.

Alumnado do grao en Educación Infantil e estudantes do Programa Universitario de Maiores participaron este martes, na Escola de Enxeñaría Forestal, na segunda destas conferencias, titulada Como entregar o paxaro: a transmisión da literatura nas aulas de infantil e que abordou como levar a literatura ás aulas. “Temos que ter en conta que o primordial, a modo xeral, reside na cerna da historia, en espila de artificios e de pretensións”, salientou Andrés, que incidiu nese senso na importancia da sinxeleza. A poeta e tradutora puxo tamén o acento na importancia, á hora de escoller unha historia, de “saber por que se conta, cal é o seu obxectivo”, así como na necesidade de que a transmisión non sexa “unilateral” e busque que nenos e nenas sintan “que participan do relato”. 

Máis aló dos libros, Andrés puxo o foco na importancia de levar ás aulas as historias de transmisión oral que forman parte da contorna máis próxima dos nenos e nenas. “As crianzas deben medrar a través de todo tipo de historias”, salientou a escritora, que defendeu ao mesmo tempo que “as portas das escolas deben abrirse aos relatos contemporáneos”, sexa a través de libros, como “a través da rede", de novos formatos ou "daquelas persoas que crean e accionan as historias”. 

Antes de transmitir o paxaro houbo que crealo

Esta conferencia-taller viuse precedida, a pasada semana, por un relatorio titulado Concibir un paxaro: a creación literaria para as aulas de infantil, que inspiraba tamén o seu nome no libro de poemas Irmá paxaro (Cuarto de inverno, 2019), polo que, o pasado ano, Andrés foi finalista do I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil. A autora, que en 2018 proclamouse tamén finalista do Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández por Corpo de Antiochia, abriu esta primeira sesión analizando o estado actual da literatura infantil en Galicia, para logo presentar diferentes materiais e recursos que puidesen servir de apoio á hora de inserir a literatura infantil e xuvenil contemporánea nas aulas. A actividade completouse cun obradoiro dirixido a comprender como se constrúen ás historias, que levou ás e aos participantes a elaborar e presentar nesta segunda xornada unha serie de relatos inspirados en historias da súa infancia, cos que Andrés buscaba promover unha reflexión sobe “cales son os elementos que fan que unha historia estableza unha comunicación tan especial cunha crianza”.