DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xosé Manuel Cid é un dos autores do libro 'Entre el olvido y la memoria'

Palabras contra o esquecemento da represión no maxisterio ourensán

A publicación achégase ás represalias vividas polo profesorado trala sublevación

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 19/07/2018

Entre el olvido y la memoria. Educación, mitos y realidades. Con este título preséntase unha nova publicación que, a través da análise feita por oito profesionais referentes no eido da historia da educación e máis concretamente en relación coa represión franquista, pretende facer memoria dun dos períodos máis escuros vividos no ensino. Entre elas e eles, Xosé Manuel Cid, profesor e vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, aborda as represalias aplicadas ao maxisterio ourensán.  

O libro, editada por Tirant Humanidades, está coordinado por Teresa González e conta con textos de, ademais de Xosé Manuel Cid, de Pablo Celada, Agustín Escolano, Juan Manuel Fernández Soria, Anita Gramigna, Oresta López e Carlo Rosa. Tal e como se recolle na súa introdución, “esta publicación aposta por recuperar a memoria para os investigadores de hoxe e de mañá” presentado “un conxunto de textos emblemáticos, que compoñen este conxunto de traballos de carácter heteroxéneo, que enriquecen a visión da historia e a política da educación abrindo outras perspectivas para a discusión e o debate”.

Represión e exilio

Xosé Manuel Cid achega a esta obra contra a desmemoria un traballo titulado Represión inxustificada na retagarda franquista. As vítimas da Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense. Nel aborda o proceso represor no maxisterio ourensán, o papel de Portugal e Latinoamérica como esperanza para os refuxiados da represión franquista e tamén o exilio interior. A súa análise comeza lembrando como entre a lexislación represiva do réxime, “a máis importante foi a que se elaborou para perseguir ao profesorado”, sinalando que as cifras que se manexan para Galicia ascenden a 100 educadores asasinados, 700 apartados do ensino e uns 2000 con algún tipo de pena administrativa e económica. 

Dentro do panorama galego, o vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación dedica unha atención específica “á extrema represión sufrida polo maxisterio na provincia de Ourense”, onde, apunta, “os sublevados non se conformaron coa rendición senón que iniciaron un cruento proceso de axuste de contas”.  No seu repaso polos diferentes tipos de represión Cid comeza lembrando como “as nóminas de xullo de 1936 reflexan a represión sufrida por máis dun terzo do maxisterio, vítima de suspensións de emprego e soldo temporais, ou con maior contundencia destitución ou separación definitiva”. Continúa o seu relato cos asasinatos, desde Francisco Sierra ata  Jacinto Santiago, de arredor dun total de 20 mentres asasinados “nunha provincia na que non existiu un proceso bélico”, dado que foi unha das que menos oposición amosou ante a sublevación, segundo explica este experto en historia da educación. 

Ao longo do artigo, Xosé Manuel Cid tamén aborda como “moitos se libran do tráxico destino grazas á colaboración dos veciños e da solidariedade dos pobos da raia portuguesa”, recalcando no apartado dedicado ao exilio en Portugal e Latinoamérica unha especial atención ao papel xogado polo país luso. “O exilio foi visto por moitos como unha saída, perigosa na orixe pero segura co tempo, ao fuxir dunha morte anunciada”, indica o autor, que fai un percorrido por nomes, rutas de fuxida e traballo desde o exilio destes refuxiados. Por último, o libro recolle o periplo dos que optaron ou se viron obrigados ao “exilio interior”, que abranguía desde o alistamento ata o exercicio do maxisterio no ensino privado.  

O texto remata destacando Xosé Manuel Cid o seu desexo de que este traballo serva “para recuperar unha vez máis a memoria do maxisterio republicano, aínda que o desexable é que nalgún momento se revisen os expedientes de depuración, se limpen de todo tipo de mentiras e vexacións e se apunten os nomes dos verdugos. Isto sería só unha parte da restauración da xustiza, que nunca existiu nesta cuestión da represión franquista sobre o maxisterio republicano”.