DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso de Extensión Universitaria

O pan biolóxico, unha forma máis saudable de alimentarse

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Romina Vázquez DUVI 21/11/2007

O obradoiro de pan biolóxico é unha das novidades que este ano se presentan dentro do programa de cursos de Extensión Universitaria co obxectivo de “ensinar aos alumnos como mellorar o benestar e a calidade de vida por medio dunha alimentación máis saudable”, segundo palabras de César Lema, licenciado en Bioloxía e encargado de impartir a docencia.
A carga lectiva é de vinte horas e en cada sesión elabórase un tipo de pan distinto, que ven definido pola denominación xeográfica da fariña empregada, sempre procedente da agricultura ecolóxica. Así, as alumnas teñen que preparar o fermento, amasar a mestura e rematar o traballo de cocción na casa coa finalidade de coñecer as peculiaridades caloríficas dos seus fornos.
O tempo restante emprégase en adquirir coñecementos teóricos de diversa índole, entre os que destaca a historia do pan, nocións sobre agricultura ecolóxica, fases do amasado, virtudes da alimentación de base biolóxica, aditivos existentes no mercado e técnicas para avaliar a calidade dos alimentos.
O profesor Lema móstrase satisfeito coa aceptación do curso e espera que “os coñecementos adquiridos se transformen nunha rutina na vida dos alumnos”, pero é consciente de que só unha pequena porcentaxe dos estudantes adquirirán o hábito da elaboración do pan biolóxico.

Introdución á alimentación ecolóxica

Este curso trata de ser unha guía e unha fonte de coñecementos para aqueles que desexen adquirir hábitos de alimentación e consumo máis saudables, fuxindo de aditivos, colorantes e conservantes. María José Ávila, estudante de Química e alumna do obradoiro, afirma que o curso resulta moi interesante por “ofrecer a posibilidade de aplicar á práctica diaria os coñecementos teóricos sobre comida, alimentación e agricultura ecolóxica que aquí se adquiren”