DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A maior parte dos equipos recuperados dóanse a organizacións sen ánimo de lucro, colexios…

A pandemia dispara na UVigo a reciclaxe de material informático

Preparáronse equipos tanto para a súa destrución e reciclaxe, como para reutilización

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • TIC
  • Cultura
D. Besadío DUVI 06/07/2021

Ordenadores, monitores, impresoras, escáneres... Este curso disparouse na Universidade de Vigo a reciclaxe de material informático.  “Non é algo novo, pero este ano foi diferente xa que ao estar os centros máis baleiros por causa da covid19 tivemos a oportunidade de facer estes procesos de reciclaxe a unha maior escala”, explica José Luis Ríos, técnico do SAUM (Servizo de Atención a Usuarios/as e Microcroinformática) para o ámbito Xurídico- Social e Humanidades, quen leva anos comprometido con este labor de reciclaxe informática. Nesta liña, desde a Oficina de Medio Ambiente explican que os datos de recollida de RAEE (residuos de aparellos eléctricos e electrónicos) aumentaron de maneira considerable este curso, pasando de 485 no 19/20 a 844 no 20/21. Destes 844 aparellos 373 son ordenadores, 216 monitores, 122 impresoras e escáneres e, o demais, é material variado.

Dentro dos labores que levan a cabo as diferentes unidades do SAUM está a certificación de obsolescencia de equipamento informático ou similar, coordinando a súa retirada definitiva coa OMA. “ Os equipos dos que falamos en ocasións están avariados e non compensa economicamente a súa reparación e outras veces, aínda estando operativos, non son aptos para o traballo normal que se desenvolve a diario polo persoal investigador, administrativo, etc. por este motivo chegan a nós todas as semanas peticións para dar de baixa este tipo de bens”, explica José Luis Ríos.

Só no ámbito xurídico-social e humanidades déronse de baixa 500 equipos, dos que se recuperaron máis de 200

Cando se certifica a avaría ou obsolescencia dun equipo desde os Servizos Informáticos téntase volver a poñelos en servizo o mellor posible, con pequenas ampliacións ou melloras puntuais coa finalidade de que poidan ser de utilidade a outros usuarios con requisitos menos esixentes. Este curso, só no Ámbito Xurídico Social e Humanidades, retiráronse  catro toneladas de monitores vellos de tubo (CRT), que polo seu alto poder contaminante foron entregados, en colaborción coa OMA, a unha empresa autorizada para a reciclaxe dos seus compoñentes e materiais. A isto hai que engadir outros 1200 Kg de impresoras, fotocopiadoras, televisores... que polo mesmo motivo foron retirados para a súa reciclaxe e destrución.

A maiores déuselle unha segunda vida a arredor de 200 equipos, dos que dúas terceiras partes serán entregados á OMA para a súa doazón, e outros quedarán para o préstamo á propia comunidade universitaria, servizo que por mor da pandemia tivo que ser paralizado durante un ano.

“Todos os anos son diferentes, pero nun curso normal non debera de pasar de 150 dispositivos os que se dan de baixa”, explica Ríos, quen salienta que nesta ocasión “estamos a falar de máis de 500 dispositivos de todo tipo só no ámbito Xurídico-Social. Para que todo isto sexa posible cóntase “coa colaboración e duro traballo” dos bolseiros de informática. Neste caso (ámbito xurídico-social), Manuel Puga Montero, Marco Antonio Iglesias e Vanesa Juncal, “que pese ao seu reducido número foron quen de levar a termo toda esta titánica labor de recuperación, de maneira excelente e co mellor ánimo”, ao que hai que sumar a colaboración e agradecemento do persoal das conserxarías, “pola súa axuda nos traslados de material”, e a Sergio Ramos, técnico da OMA.

Menos residuos, máis reutilización

Se o equipo se pode empregar de novo dentro da Universidade, búscase unha nova localización ou ponse a disposición da comunidade en forma de préstamo. Os demais equipos, son equipados con sistema operativo LINUX, con ferramentas ofimáticas, de correo electrónico, navegadores axeitados, para poder doalos posteriormente. “Deste xeito asociacións e organizacións sen ánimo de lucro, colexios, etc. poden ter de balde un equipo que cubra unhas necesidades que de outro xeito suporían un gasto que así poden evitar”, explica Ríos, quen fai fincapé que, por unha banda, se reduce a xeración de residuos e, pola outra, se potencia a reutilización dos recursos.

“En ocasión -en realidade, as máis das veces- os equipos acaban apartados en algún recuncho nos despachos dos docentes ou nun pequeno rocho, durante anos, ata que a alguén lle fai falla o sitio”, explica Ríos, quen fai fincapé en que isto é “unha autentica mágoa”, polo que a el lle gustaría chamar a atención de todos sobre isto. “Se o equipo que xa non se vai usar por calquera razón o mellor é comunicalo porque podemos facer que ese ben continúe operativo dentro da propia universidade uns anos máis”, explica o técnico, ao que engade que, pola contra, si se deixa –“como temos visto moitas veces”- que un ordenador baloreza dúrante cinco ou dez anos sen usar, o que temos xa non é un ordenador vello -pero funcional- se non un simple residuo.