DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo de folk TOR ofreceu o Concerto de Nadal, retransmitido en liña a través de UVigoTV

A pandemia non silencia o son do Nadal na Universidade

Outras universidades e o público en xeral puideron seguir a actuación celebrada na FCCEE

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Música
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 17/12/2020

As interpretacións do grupo de folk galego TOR foron esta tarde a banda sonora que marca o inicio do Nadal na Universidade de Vigo. A pandemia non impediu a celebración do tradicional concerto que cada ano reúne aos membros da comunidade universitaria, pero si obrigou a reformular o seu formato tradicional do directo en sala ao do directo en liña. Cunha reducidísima presenza de asistentes no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Vigo, o reitor, Manuel Reigosa, e a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, foron os encargados de presentar o concerto e desexar unhas boas festas á comunidade universitaria, non só a da UVigo, senón doutras institucións académicas e ao público en xeral, que seguiu a actuación do grupo TOR a través de UVigoTV.

O reitor destacou a súa intervención, previa ao inicio do concerto, a "rareza deste acto" fronte aos tradicionais concertos "nos que compartimos e partillamos, aínda que xa estamos afeitos nun ano que foi moi estrano" Reigosa aproveitou a súa mensaxe para reiterar o seu agradecemento á comunidade universitaria polos esforzos realizados que permitiron acabar o pasado curso cuns resultados espectaculares. "Podemos estar satisfeitos como universidade e agradezo o esforzo da comunidade porque deixamos a institución ao máximo nivel. Todos merecedes este regalo en forma de intervención musical e que nos vai servir para sentirnos por un rato xuntos, fortificados e para sentir que a UVigo está facendo as cousas ben", dixo o reitor. Caparrini, pola súa banda, lembrou a invitación realizada a todas as universidades españolas para seguir o concerto, "como símbolo de unidade de toda a academia ante as situacións adversas" e desexou á comunidade universitaria unhas felices festas "con alegría e prudencia a partes iguais e que o ano 2021 sexa mellor, moito mellor que o que remata". 

Unha mestura de folk que marca o inicio do Nadal

Coa composición tradicional Sobrado, unha muiñeira de Manuel Lago de Carelle (Sobrado dos Monxes), comezou TOR o concerto de Nadal da Universidade de Vigo, no que o grupo formado polos irmáns Félix e Cástor Castro, Xosé Liz (ex alumno da UVigo, como lembrou Natalia Caparrini) e Álvaro Iglesias, deu mostra do seu virtuosismo debullando un repertorio integrado por muiñeiras, alalás, valses ou alboradas tradicionais de Vilalba, Fisterra ou as montaña de Lugo, arranxados polo grupo, formado por recoñecidos profesionais que, logo de moitos anos dedicados á investigación musical, uníronse neste proxecto. 

Durante a case hora que durou o concerto, temas como Carolina, Valses, Tambores, Repimpín ou Cachoupiño sucedéronse un tras outro, deixando boa mostra do exitoso regreso do grupo ás súas raíces musicais no folk que beben da fonte do traballo de  campo do Arquivo Castro Vicente (Cástor e Félix Castro ) e, os seus fondos documentais e sonoros, centrados sobre todo na frauta de madeira e acordeón diatónico, que hoxe, xunto ao contrabaixo e o bouzouqui resoaron no salón de actos da FCCEE.