DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coincidindo co remate do proxecto ILSA, centrado nesta nova forma de comunicación interlingüística

A pandemia pon de relevo a importancia da comunicación accesible entre idiomas en directo 

Pablo Romero, IP do proxecto, asegura que “o balance é moi positivo e queda moitísimo por facer”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 08/01/2021

Ademais de acadar todos os obxectivos previstos, o proxecto de investigación ILSA (Interlingual Live Subtitling for Access), liderado polo grupo de investigación GALMA, da Universidade de Vigo, acaba de chegar ao seu fin acadando, grazas á pandemia, máis relevancia da inicialmente prevista. “O que intentabamos aquí era contribuír ao desenvolvemento dunha nova profesión e dun novo xeito de comunicación en directo entre idiomas, que sexa ademais accesible”, explica Pablo Romero Fresco, investigador principal do proxecto, no que xunto á UVigo, participaron as universidades de Varsovia, Amberes e Viena; a cadea de televisión pública de Bélxica VTR e unha empresa polaca. En relación cos antecedentes do proxecto, Romero lembra que, ata o de agora, para actos ou produtos en directo, programas para a televisión, congresos ou reunións, podía facerse unha interpretación, pero se se quería facer unha subtitulación accesible, realizábase no mesmo idioma, “pois un programa de televisión, como un telexornal, pode estar locutado en español e logo hai un subtitulado en tempo real ao mesmo idioma, e así as persoas xordas españolas poden seguir o programa mediante ese subtitulado, que se podía facer de distintos xeitos” Dada a dificultade que supón escribir no teclado á mesma velocidade que se fala, emprégase o refalado, no que o escoitado, díselle a un recoñecedor de fala, que o traslada a súa vez á pantalla en forma de subtítulos. “Ese refalado facíase intralingüísticamente, sen cambio de idioma. Nós, neste proxecto, desenvolvemos o refalado interlingüístico, con tradución simultánea dun idioma a outro, unindo as competencias destes refaladores intralingüísticos, que xa estaban traballando, coas competencias dos intérpretes simultáneos, a quen formamos na Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo para que mentres escoitan nun idioma interpreten oralmente noutro. O produto da interpretación simultánea é un audio que chega traducido máis ou menos simultaneamente, pero que non é accesible para persoas xordas. No refalado interlingüístico facemos un proceso semellante, mais o produto final en realidade son subtítulos escritos”, detalla o investigador.

Ao incrementarse, por mor da pandemia, o número de reunións e congresos en liña que precisan traducións en directo, ben por parte de xente que, por exemplo fala en inglés con público que quere subtítulos en castelán, ou por parte de persoas xordas, os promotores de ILSA comezaron a recibir moitas demandas de empresas que precisaban este servizo pero que non sabían da existencia da posibilidade de refalar interlingüisticamente. “Agora cada vez podemos enviar a máis xente ás empresas demandantes. Mandamos a refaladores que formamos no noso curso de UVigo, que está creado con material do proxecto ILSA e é o único curso do mundo de refalado inglés-español, pero hai moitísima máis demanda que xente preparada. Non damos abasto”, asegura o investigador da UVigo, en relación con estes refaladores interlingüísticos que poden traducir e crear subtítulos en directo para congresos, programas de televisión, discursos, citas médicas, xuízos, clases de institutos e universidades, reunións da ONU, etc.

Un proxecto aberto no que cómpre afondar no soporte técnico e humano 

Logo de tres anos de traballo, ILSA chegou ao seu fin, “cun balance moi positivo e cumprindo todos os obxectivos”, asegura Pablo Romero, para quen non se pode falar dun proxecto pechado, xa que se trata do desenvolvemento dunha nova profesión, así como da súa formación e investigación, “co que, aínda que si rematamos cos obxectivos que marcamos ao principio, pola propia natureza tan incipiente desta nova disciplina, que está nacendo agora, queda moitísimo por facer”. 

Co obxectivo de que o refalado interlingüístico exista e teña profesionais formados, o proxecto comezou facendo unha enquisa de como se estaba a facer o refalado intralingüístico no mundo, en canto a formación e práctica profesional, e a mesma enquisa sobre refalado interlingüítico, o que permitiu acadar datos “deses solitarios e pioneiros refaladores interlingüísticos que traballan sen ningún tipo de formación. Contactamos con eles para que nos axudaran durante o proxecto”, relata Romero. A realización de experimentos con subtituladores e intérpretes para ver quen funcionaba mellor como refalador interlingüístico; o deseño dun curso de formación en base ás competencias que debe ter un refalador interlingüístico; a creación do primeiro curso do mundo sobre formación en refalado interlingüístico e a avaliación da súa calidade; a traslación desa formación a cursos con créditos nas universidades socias de Viena, Amberes e Varsovia, “e tamén en Vigo, que agora temos este curso propio especializado, baseado no curso de ILSA” e a creación dunha serie de guías e directrices sobre como establecer ou implementar o refalado interlingüístico na televisión, en ámbitos educativos e actos públicos, son os obxectivos ou intellectual outputs acadados ao longo dos meses polo proxecto, “no que nos queda moitísimo por facer porque estamos comezando”, sinala o investigador vigués.

Así, ademais de estar participando no proxecto británico Smart, dotado cun millón de libras e máis relacionado coa investigación, Romero avanza a posibilidade de pedir proxectos europeos e sobre todo a necesidade de contar cunha plataforma forte. “Agora sabemos o produto final que queremos, temos a disciplina e os profesionais, pero non as ferramentas tecnolóxicas. En moitos casos convén que o refalado o fagan dúas persoas, unha que o faga e outra que corrixa os pequenos erros de recoñecemento de fala que poida haber antes de lanzar os subtítulos. Entón, precisamos unha plataforma tecnolóxica para que cada un dos refaladores estea na súa casa e poidan corrixirse mutuamente”, explica o investigador, que tamén apunta que se está a traballar no galego, cun programa de recoñecemento de fala do grupo de investigación da catedrática da UVigo Carmen Garcia Mateo, co obxectivo de avaliar a calidade dos subtítulos en galego.

Impacto do proxecto nunha vintena de países

Esta nova forma de comunicación accesible entre idiomas en directo, que axuda a visibilizar a necesidade de que as comunicacións sexan accesibles para persoas xordas ou que estean a aprender un idioma, traspasando a barreira do idioma e das discapacidades sensoriais, xa transcendeu máis aló das fronteiras dos países que participaron no proxecto, chegando a unha vintena de países. Logo de enviar os resultados acadados por ILSA á ONU, a organización internacional incorporará os resultados nas directrices de subtitulación que están a preparar, así mesmo en Canadá parte do traballo xa foi introducido na súa lexislación e en EEUU estase a traballar con VITAC, a empresa que fai a maior parte do subtitulado en directo do país.