DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade, que arranca o luns, acada este ano a súa 16ª edición

O panorama do mercado financeiro, no Curso de introdución á bolsa

A matrícula está aberta para a comunidade universitaria e persoas alleas

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
Yaiza Canedo DUVI 26/10/2018

Nun contexto de extremado endebedamento do goberno español, que fai que as perspectivas da bolsa sexan pouco prometedoras, e que prevé posibles desaceleracións no mercado de valores, enmarcase este ano o Curso de introdución á bolsa. A formación, unha das máis lonxevas da Universidade de Vigo, dará comezo este luns 29 de outubro e rematará o 8 de novembro na Escola Universitaria de Estudos Empresariais de Vigo. Este mesmo luns, rematará o prazo de matrícula, polo que a comunidade universitaria e as persoas alleas a ela poderán confirmar a súa asistencia na mesma escola ou a través da plataforma Bubela. Ademais, as e os graduandos terán, como novidade este ano, a posibilidade de obter un desconto do 50% na matrícula grazas as axudas da Fundación Sindical Edelmiro Otero Calvo.   

Dezaseis anos falando da bolsa

Aínda que pode parecer un tema complexo, a asistencia ao curso non require de coñecementos previos, pois os contidos son introdutorios e a metodoloxía é moi clara e accesible. Ademais, José Luis Sáez Ocejo, profesor do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade e organizador desta iniciativa xunto con Trinidad González Portela Garrido, sinala que “o curso é unha simple ferramenta que rompe un gran tabú, que desmitifica o mundo financeiro e que permite comprender algúns elementos da operativa bolseira que enchen os nosos xornais todos os días”. Pola contra, tamén engade que “sería moi pretensioso dicir que este curso habilita para exercer como broker ou analista financeiro”, pois este é de carácter introdutivo.

A actividade acada este ano a súa decimosexta edición e a organización prevé unha acollida que iguale ou supere o número de asistentes do ano precedente, que foi de 22 persoas. Ante este panorama e botando a vista atrás, Ocejo confesa que “hai 16 anos, cando nos aventuramos con toda a ilusión do mundo, nunca pensamos chegar tan lonxe, e agora só podemos estar ledos e cheos de ilusión, xa que moitas xeracións confiaron en nós para obter unha visión deste mundo tan complexo”. Ademais, o docente apunta que os coñecementos impartidos son de grande utilidade, pois “os alumnos adquiren unha visión completa deste mundo e incluso moitos atópanse traballando agora no sector das finanzas”, tal e como tivo a oportunidade de constatar.

Unha introdución básica aos mercados e unha simulación do IBEX 35

O programa, introdutor dos conceptos básicos da bolsa, divídese en seis módulos teóricos que abordarán cuestións como os produtos financeiros e a súa fiscalidade, o funcionamento do mercado ou o ciclo económico e bolsista. Ademais, estes contidos teóricos serán levados á practica nunha das iniciativas máis atractivas do curso, un xogo de bolsa. Nesta simulación, as e os participantes formarán grupos que disporán dunha carteira ficticia coa que simular unha compravenda de accións e realizar operacións de valores do IBEX 35. Esta actividade é unha das máis valoradas, pero non a única, pois tal e como confesa Ocejo, “o equipo de profesionais encargados da docencia do curso, a súa metodoloxía práctica e amena, e os seus contidos son os elementos que levan ao alumnado a sentirse satisfeito co investimento de tempo neste curso”.