DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu este luns unha conferencia sobre este tema

Unha panorámica en clave histórica da cartografía militar en España

A charla foi impartida polo militar experto en calibración Luis Lorenzo Esperante

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 07/05/2018

A Facultade de Historia do campus de Ourense acolleu este luns unha nova sesión da súa Aula Aberta, iniciativa na que conferencias programadas para o alumnado do centro pasan a ser abertas a toda a comunidade universitaria polo interese transversal que poden suscitar. Nesta ocasión o protagonismo foi para a cartografía militar en España. Luis Lorenzo Esperante, militar cunha dilatada traxectoria en laboratorios de calibración, foi o encargado de ofrecer unha visión da historia e das características desta cartografía.

A intervención, organizada pola Área de Xeografía Física da Universidade de Vigo, foi presentada pola profesora Elena de Uña e levou por título A cartografía militar en España: descrición e evolución histórica. A docente destacou “a importancia enorme da cartografía militar” por ser ao longo da historia e tamén na actualidade “a máis precisa” e a empregada neste caso nos traballos arqueolóxicos e históricos. Por esta relevancia actual e pola súa relevancia pasada “en relación moi estreita cos conflitos bélicos”, Elena de Uña salientou a pertinencia de que o alumnado do Grao en Xeografía e Historia do campus de Ourense se achegase “da man dos coñecementos e da experiencia” de Luis Lorenzo Esperante a esta temática.

Durante a súa intervención, Lorenzo Esperante, que foi director do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia e experto técnico de Laboratorios de Calibración para ENAC e avaliador do modelo de xestión da European Foundation on Quality Management desde 1992, fixo un repaso pola historia do Centro Xeográfico do Exército; polas características da cartografía que realiza e que tamén está a disposición de uso civil; pola historia da cartografía en Galicia e pola evolución do sistema de realización da cartografía tendo en conta como “se pasou de dar solucións locais a solucións globais compatibles coa produción cartográfica internacional”.

Desde a creación do Depósito da Guerra

O seu repaso histórico pola cartografía arrancou cando 500 anos antes de Cristo se empezou a considerar que a terra era redonda e non plana e como iso repercutiu na navegación. No caso da historia de Galicia afondou para os asistentes na Carta Xeométrica de Galicia de Domingo Fontán, “a primeira carta con triangulación xeodésica de Galicia”, e na figura que lle precedeu de José Rodríguez González. A necesidade de crear un Centro Xeográfico do Exército en España, lembrou, xurdiu da man de figuras como o xeneral español Blake arredor de 1810, no remate da Guerra da Independencia, cando xurdiu a necesidade de ter un centro especializado en cartografía que facilitase as operacións militares, centro que finalmente foi creado en 1838 co nome de Depósito da Guerra. Tras facer un repaso por fitos na traxectoria desta entidade, como o seu papel no levantamento de Marrocos, Luis Lorenzo chegou no seu relato ata a actualidade, onde o Centro Xeográfico do Exército, grazas a un convenio co Instituto Xeográfico Español, xera a base topográfica nacional, de referencia neste eido.

O militar tamén abordou na súa intervención a descrición desta cartografía militar, tanto as características que a diferencian como as que non doutras cartografías de uso civil. Entre as primeiras citou aspectos como a inclusión da cuadrícula a diferentes tamaños, releve, comunicacións (pontes, túneles, etc), edificios e entidades ou características propias do material empregado, como o tipo de papel e a súa resistencia. Tamén abordou este experto as precaucións e erros de uso desta cartografía na actualidade derivadas en moitas ocasións, indicou, “de tomar uns datos dunha cartografía e usalos sobre outra cartografía”.