DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nel realizan propostas para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

O papel das entidades locais na Axenda 2030, a análise nun documento da Rede Localis

Destacan a súa importancia para afrontar a crise provocada pola covid-19

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Transferencia
DUVI Ourense 04/11/2020

“A situación actual condicionada pola crise da covid-19 e as repercusións en termos de emprego e crecemento económico, esixe promover políticas públicas axeitadas e é precisamente a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) o instrumento que pode axudar aos municipios a dar respostas á crise”. Esta é unha das conclusións recollidas no documento O papel das entidades locais na Axenda 2030: propostas para a localización e consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, elaborado pola Rede Localis, rede de administración local xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo.

O documento, feito público este mércores, é da autoría dos coordinadores da rede, Alberto Vaquero, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, e Concepción Campos, secretaria de goberno local. A súa análise abrangue que son e para que serven os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda 2030; a abordaxe destes obxectivos desde un enfoque global e tamén local, con especial referencia ás cidades e comunidades sostibles; a realización dunha proposta de aliñación das políticas locais cos ODS; o tratamento da perspectiva local para a consecución destes obxectivos nas entidades locais de Galicia e a realización de recomendacións e propostas, entre outros aspectos.

Segundo indican en nota de prensa desde a Rede Localis, no documento os seus expertos “fan un chamamento ás entidades locais para realizar un esforzo para conseguir cidades e comunidades sostibles, con enerxía asequible e non contaminante, e para que aposten por unha redución das desigualdades, xa que son estas actuacións as que permitirán mitigar os nocivos efectos da pandemia a nivel social e económico”. Isto, engaden, “pasa por apoiar actividades produtivas, a creación de postos de traballo dignos, emprendemento, creatividade e innovación, e a promoción e desenvolvemento de microempresas e pemes”. Todas estas tarefas deben formar parte da acción dos gobernos locais, a xuízo dos autores deste documento.

No marco da crise provocada pola covid-19

O traballo realizado por Concepción Campos e Alberto Vaquero incide en que as entidades locais son “actores clave para favorecer unha maior inclusión social, contribuíndo a paliar os efectos non só da crise económica senón tamén da social, mediante unha maior calidade no emprego”. Para estes expertos, a orientación das políticas públicas cara a Axenda 2030 e os ODS na crise actual ofrece “un camiño para a transformación da xestión pública, na que a administración local debe xogar un papel estratéxico”. Ademais, o documento destaca que en Galicia “aínda se está a tempo de orientar as políticas públicas (as municipais en particular) para aliñarse nunha dirección de crecemento sostible, avanzando cara a un deseño público que responda aos retos de futuro que se presentan e que teñen que reavaliarse pola incidencia da covid-19”.

Entre as principais recomendacións feitas no documento figuran, segundo indican desde a entidade, “a dixitalización e a innovación como elementos claves para o crecemento económico”. Tamén destacan a necesidade dunha colaboración público-privada e un aumento do gasto público municipal. Os autores do informe recoñecen que a pesar de que as entidades locais contan con importantes remanentes, "aínda están moi limitadas na súa capacidade de execución do gasto e instan ao Ministerio de Facenda a dotar de maior flexibilidade ás entidades locais para o uso destes fondos”. Ademais, engaden, “é necesario contar cunha gobernanza sólida e multinivel” subliñando como “a intervención no territorio debe xerar economías de escala, creando unha visión de futuro compartida de cidade cun goberno transparente, aberto e eficaz”.