DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Centro de Linguas promoveu na EE Forestal un obradoiro de recortado de papel chinés

Papel e tesoiras para achegarse ao patrimonio cultural da China

Inserido nas actividades da Aula Confucio, que se estenden por primeira vez ao campus

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Internacional
  • Cultura
DUVI Pontevedra 23/01/2019

Dar a coñecer a Aula Confucio da Universidade de Vigo, impulsada ao abeiro do convenio asinado en 2018 coa Universidad de León, así como a cultura e a lingua chinesas son os obxectivos que levaron ao Centro de Linguas da institución viguesa a programar, por primeira vez nos tres campus, uns obradoiros gratuítos e abertos a toda a cidadanía de caligrafía e recortado de papel. No caso do campus pontevedrés, unha decena de persoas participaron este mércores nun taller que lles permitiu iniciarse nunha arte que forma parte do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco desde 2009, o recortado de papel, e dar forma coas tesoiras, por exemplo, ás tradicionais figuras empregadas neste país para celebrar o aninovo.

Trala celebración por primeira vez en Vigo en novembro destes dous talleres, neste mes de xaneiro, o Centro de Linguas optou por estender aos diferentes campus unha iniciativa dirixida a dar a coñecer nas tres cidades a creación desta aula, a única existente en Galicia, nacida ao abeiro do Instituto Confucio da Universidad de León, segundo explica Mercedes Álvarez, xefa de estudos do Centro de Linguas, que salienta tamén a “boa acollida” que en Pontevedra tiveron tanto o obradoiro de caligrafía chinesa como o de recortado de papel. O primeiro levouse a cabo a pasada semana e correu tamén a cargo de Lili Wo, que explica que os obxectivos destes dous talleres “son achegar á cultura chinesa á sociedade en xeral, amosar a riqueza do patrimonio cultural chinés” e á vez, promocionar o Obradoiro de Iniciación á Lingua e Cultura Chinesa que, da man da Aula Confucio, o Centro de Linguas programou para este cuadrimestre nos tres campus e que mantén aberta a súa inscrición. No caso do campus pontevedrés, engade Álvarez, este curso de 40 horas desenvolverase nas tardes dos luns, en horario de 16.00 e 19.00 horas, entre o 4 de febreiro e o 13 de maio.

“Figuras que atraen a sorte e a fortuna”

“O papel cortado forma parte do patrimonio cultural chinés”, salienta Lili Wo, licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade Kanagawa Yokohama de Xapón e docente do Instituto Confucio, que abriu o obradoiro deste mércores cun achegamento teórico á historia, importancia e usos dunha técnica que “no seu momento foi substituta da decoración que se facía en seda, e que agora converteuse en toda unha arte", que permite amosar, sinala, "non só a habilidade do artista", senón tamén unha serie de figuras e caracteres "que forman parte da vida cotiá” neste país. Lili Wo introduciu así mesmo aos e ás participantes nos diferentes tipos de pezas e nas diferentes formas de recortar, presentándolles algunhas das obras típicas que se realizan con esta técnica, para, acto seguido, pasar xa á parte práctica do taller e convidar ao alumnado  a realizar unha serie de sinxelas obras, valéndose das tesoiras, do típico papel vermello e dunha serie de patróns que lles guiaban no pregado e recortado do papel. “Realizamos as figuras típicas, figuras que atraen a sorte e a fortuna”, relata Lili Wo dun taller que aproveitando que está preto a celebración, a comezos de febreiro, do aninovo chinés, tamén coñecido como o festival de primavera, completouse coa realización dunha das tradicionais figuras que se empregan, “para celebrar a festa máis importante do ano en China”, un carácter chinés que representa á primavera.