DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas promovidas por Fegaus e centradas na importancia da contorna psicosocial neste eido

O papel das universidades no envellecemento activo reúne no campus máis dun centenar de estudantes sénior 

Alumnado dos programas para maiores dos sete campus de Galicia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Asociacións de Estudantes
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 12/05/2023

Os universitarios sénior na sociedade do século XXI. Contorna psicosocial para un envellecemento activo é o título das II Xornadas Universitarias Sénior, que este venres reúnen na Facultade de Comunicación máis dun centenar de alumnos e alumnas dos programas universitarios para maiores dos sete campus de Galicia. Organizadas pola Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior (Fegaus), este evento ten como obxectivo reivindicar unha “presenza activa e comprometida das persoas maiores” na sociedade, para o que é preciso “pór en valor a súa capacidade de aprendizaxe”, como destacan desde a organización. O papel que neste eido e no fomento dun envellecemento activo poden xogar ás universidades, á hora tanto de fomentar a aprendizaxe ao longo da vida como de impulsar as relacións interxeracionais, constitúe nese senso o eixo central das conferencias e mesas de debate que se suceden ao longo da xornada.

Da man da asociación de alumnado sénior do campus (Asaexs), este encontro anual dos colectivos integrados na Fegaus desenvólvese por primeira vez en Pontevedra, no edificio que comparten as facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública, e o seu programa engloba unha serie de mesas de debate sobre envellecemento activo, asociacións de alumnado, beneficios das relacións interxeracionais e futuro dos programas universitarios de maiores. 

Unha formación continúa e interxeracional

Este encontro foi inaugurado pola vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, responsable tamén da conferencia de apertura; o tenente de alcalde, Tino Fernández; os directores xerais de Maiores e de Centros e Recursos Humanos da Xunta de Galicia, Antonio Acevedo e Jesús Álvarez Bértolo; a deputada provincial Olga García; o presidente de Fegaus, Antonio Otero, e a presidenta da confederación estatal de asociacións Caumas, Marina Troncoso. “A UVigo é unha universidade comprometida con todas as xeracións e comprometida tamén coa Axenda 2030, na que está recollida como obxectivo o aumento da lonxevidade das persoas”, salientou Lantarón, que subliñou o interese destas xornadas como un “debate coa propia universidade”, que permita coñecer as demandas e necesidades deste colectivo. Non en van, como sinalou Fernández, as institucións académicas xogan “un papel fundamental” á hora de promover un envellecemento activo e contribuír a que “as persoas maiores poidan seguir participando dunha maneira activa” na sociedade. 

O incremento da esperanza de vida obriga nese senso ás administracións a impulsar “estratexias de lonxevidade saudable”, como sinalou Acevedo, e unha das súas “bases” deberá ser unha “formación interxeracional”, salientou. Así mesmo, esta formación ao longo de toda a vida debe contribuír tamén a que as e os maiores poidan adquirir “as novas destrezas e habilidades esixidas por esta sociedade do coñecemento nas que nos toca vivir”, engadiu Álvarez Bértolo, do mesmo xeito que debe axudar a reverter os “estereotipos” e a “imaxe negativa que segue tendo a vellez”, como sinalou García. “O envellecemento da poboación non é un problema, pode ser unha oportunidade”, subliñou nese senso Otero, que avogou por unha “educación con carácter integrador” como unha ferramenta para un colectivo que “desexa seguir participando na vida comunitaria”. A isto contribúen, como lembrou Troncoso, os programas universitarios de maiores, motivo polo que reclamou rque estes potencien “as relacións interxeracionais” e que o alumnado sénior poida participar nos programas europeos de mobilidade.

Formación e loita contra o idadismo

O envellecemento activo, definido pola Organización Mundial da Saúde, como “o proceso no que se optimizan as oportunidades de saúde, participación e seguridade a fin de mellorar a calidade de vida das persoas a medida que envellecen” foi tamén o eixe da conferencia inaugural, na que Lantarón afondou nos retos que supón o feito de que máis do 20% da poboación española teña 65 anos ou máis, para logo deterse nas accións impulsadas pola Universidade de Vigo a prol dese envellecemento activo. A vicerreitora lembrou que o Programa Universitario para Maiores (PUM) conta no presente curso con 351 alumnos e alumnas no ciclo intensivo e outros 64 no integrado, no que comparten materias co alumnado de grao. Ao mesmo tempo, a institución académica ofrece tamén ao alumnado sénior outra serie de opcións formativas e culturais e xoga un papel activo na loita contra o idadismo, a discriminación por razóns de idade, grazas á creación da primeira cátedra de España neste ámbito, que a UVigo puxo en marcha xunto á asociación Afaga Alzheimer e a entidade de innovación social Atendo. 

Tras este relatorio, a xornada puxo o foco no papel da contorna psicosocial, nunha mesa na que participaron docentes das universidades de Vigo e A Coruña, mentres que o labor das asociacións de alumnado sénior centra esta tarde o segundo dos debates. A continuación, reflexionarase tamén sobre o futuro destes programas no contexto europeo, mentres que unha mesa na que participan un docente, un alumno sénior e un estudante de grao afondará nas relacións interxeracionais. Finalmente, a presidenta de Asaexs, Gloria Pérez Prieto, será a encargada de presentar as conclusións deste foro, para logo proceder cun acto de clausura no que intervirá a directora da Escola Aberta de Formación Permanente, María José Moure, e no que actuarán a Aula Permanente de Música Tradicional e o Coro do Campus.