DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus celebrou este xoves o aniversario desta programación

Unha parada no camiño para lembrar 20 anos de rutas culturais

Entregáronse distincións ás persoas que participan nas andainas desde os seus inicios

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Premios
  • Saúde
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI Ourense 21/02/2019

20 anos de traxectoria, 200 rutas realizadas por Galicia, arredor de 4000 quilómetros andados, unha media de 80 participantes por percorrido... pero sobre todo moitas lembranzas e moita aprendizaxe. A Universidade de Vigo celebrou este xoves o acto conmemorativo do XX aniversario do seu programa de rutas culturais, nado en 1999, e fíxoo facendo balance da súa actividade e recoñecendo ás persoa e entidades que contribuíron a que esta iniciativa sega camiñando dúas décadas despois.

Valores

Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, destacou no acto coma esta iniciativa reflicte os principios que inspiran á Universidade de igualdade, solidariedade, democracia e liberdade. “Homenaxeamos 20 anos de actividade, miles de participantes de idades que van desde os 16 ata os máis de 80 anos, innumerables nacionalidades, os máis diversos camiños de Galicia e a súa contorna, miles de quilómetros... todo isto compartindo estes principios”, dixo. A vicerreitora quixo “agradecer a todas e todos o traballo e a colaboración feita a través do tempo, grazas aos promotores, vicerreitores, compañeiros da Área Benestar, Saúde e Deportes, bolseiros, empresas, institucións e en especial aos camiñantes, xa que eles son os principais responsables de que hoxe esteamos aquí”.

Pola súa banda, Rodrigo Alberte Pivida, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte do campus de Ourense, salientou como “sempre estivemos moi satisfeitos desta actividade”. Agradecendo o tempo compartido ao longo destes anos, convidou ás e aos participantes nas andainas a que segan “transitando polo sendeiro das nosas rutas durante moitos anos”. Do mesmo xeito, José García-Calvo, Willy, coordinador das rutas culturais desde os seus inicios, subliñou como a través da programación de roteiros “temos coñecido Galicia” guiados pola idea de que “andar por andar podía ser bo pero andar para chegar ao patrimonio cultural galego era máis interesante”.

Para lembrar como naceu esta iniciativa participaron no acto Pino Díaz e Xosé Manuel Cid, entón responsables respectivamente do Servizo de Deportes e de Extensión Cultural no campus de Ourense. Facendo memoria de como a idea xurdiu co obxectivo de xuntar nunha mesma actividade deporte, cultura e lingua, os dous promotores subliñaron como o relevante desta iniciativa é que conseguise sobrevivir 20 anos, algo que, recalcaron, só é posible grazas “á lealdade institucional dentro da casa, ao apoio das institucións da contorna e ao entusiasmo da xente que participa nelas”. Por parte das institucións, Manuel Doval, deputado de Cultura da Deputación de Ourense, destacou como esta programación de roteiros “xa é un referente” e amosou a importancia de iniciativas coma esta para que “a sociedade estea máis identificada coa súa universidade”.      

Homenaxes

Durante a celebración proxectouse un vídeo conmemorativo, lembráronse as orixes desta iniciativa e houbo un recoñecemento para as nove persoas que participaron nas andainas ao longo destes 20 anos, que son José Manuel Moreiro, Francisco Combarros, Montse Rosell, Meli Millares, José Quiroga, Purificación Fandiño, Teresa Leal, José Luis García e Alfonso Martín. A cada un dos presentes entregóuselle unha obra do artista ourensán Xosé Poldras. Tamén se lle deu un destes recoñecementos á profesora da Facultade de Historia Beatriz Vaquero, que foi a persoa que propuxo que as rutas universitarias fosen rutas culturais.  

Entre as persoas homenaxeadas estaba Montse Rosell, que participou nas andainas desde a súa posta en marcha en febreiro de 1999. “Para min as rutas é un tema de saúde pero de saúde física e psíquica. En vez de estar un sábado na casa aproveitas e estás con xente, ves paisaxes marabillosas, tes persoas que te explican todo o que estás a ver, xa sexa paxaros, arquitectura ou natureza”, comentou recollendo o sentir dos demais homenaxeados. Recalcando a importancia e agradecendo o feito de que as andainas estean abertas á participación da cidadanía e non só da comunidade universitaria, Montse Rosell recoñeceu a imposibilidade de escoller unha ruta das realizadas ao longo destes anos xa que, lembrou, “todas son especiais porque cada unha é única, nunca é o mesmo”.

No marco desta conmemoración, a Área de Benestar, Saúde e Deporte organiza unha andaina este sábado 23 de febreiro que reproduce a primeira ruta realizada en febreiro de 1999. As e os inscritos realizarán un percorrido de aproximadamente 16 quilómetros pola contorna de Ourense que sairá do campus e percorrerá Montealegre, Ceboliño, Cachamuíña e o Castro de Santo Tomé. Ao final da ruta haberá petiscos de confraternización e sorteo de agasallos, a partir das 15.00 h, na cafetaría do edificio Xurídico-Empresarial do campus.