O catedrático de Ciencias da Información, Alejandro Pizarroso Quintero:
“O paradigma da batalla electoral é a guerra e só se pode entender en clave militar”
O profesor impartiu unha conferencia na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación
Apenas un mes despois da celebración das eleccións xerais nas que José Luís Rodríguez Zapatero foi reelixido como presidente do goberno, o catedrático de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid, Alejandro Pizarroso Quintero, afondou sobre os principais fundamentos da comunicación política nas estratexias propagandísticas que utilizan os partidos, tomando como exemplo as pasadas votacións.
Baixo o título ¿que é a propaganda electoral?, Pizarroso analizou ante os alumnos do campus as técnicas básicas que usan os nosos gobernantes para acadar votos, ademais de facer un pequeno análise das principais diferenzas entre os eixos desta comunicación en España e noutros países, como Italia, que se atopa en pleno proceso electoral. Acompañado polo decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Alberto Pena, o profesor subliñou que “o paradigma da batalla electoral é a guerra e soamente se pode entender en clave militar, de feito ata os conceptos que usan son os mesmos: estratexias, aliados, campaña, ...”, explicou Pizarroso na súa conferencia.
Facendo un repaso ás diversas estratexias propagandísticas aparecidas ao longo da historia da humanidade, desde a tradición oral ata a aparición das novas tecnoloxías, Pizarroso destacou que “por un lado, a resistencia do público ás técnicas de comunicación política aumentaron considerablemente co paso do tempo, sen embargo, por outro lado, o poder tamén utilizou todos os recursos ao seu alcance co fin de manipularnos”. Respecto a este tema e cuestionado sobre cal é o mellor manexo que o comunicador pode darlle a unha campaña política, o convidado sinalou que é preciso coñecer as ferramentas, planear e recuperar a retórica da expresión oral. “É moi importante ter en conta cada medio, no caso da televisión, unha imaxe, 15 segundos de unha palabra, un xesto, representan algo, son as regras básicas da propaganda”, dixo Pizarrroso no seu relatorio.
A persuasión como eixe fundamental da propaganda
Ao longo da conferencia, Alejandro Pizarroso afondou na idea de que a persuasión é a base de toda campaña electoral e, máis aínda, de calquer tipo de información. En todos os ámbitos da sociedade existen consensos que os cidadáns aceptan porque previamente son persuadidos por outras persoas que están nunha posición de poder e isto chega moito máis lonxe cando se trata de comunicación política. Utilizando un ton coloquial, que xa é característico nas súas intervencións, o experto en propaganda chamou á atención dos estudantes aludindo a clásicos como Aristóteles ou Maquiavello e insistindo no concepto de que “todos os procesos comunicativos son sempre persuasivos, a información como tal non existe, o emisor sempre intenta obter unha resposta do receptor”, comentou Pizarroso.